Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo emite un bando sobre a condución de cans polas rúas

RIBADEO (FNC) .- O alcalde, Fernando Suárez, ven de editar un Bando sobre a tenencia de cans e outros animais domésticos e as obrigas que teñen os seus propietarios cando os sacan de paseo por lugares públicos. O rexedor advirte que despois deste novo aviso a Policía Local sancionará aos que leven aos cans sen bozal e aos que non recollan as deposicións destes animais.

Suárez Barcia falou hoxe “dunha situación que se reproduce lamentablemente moitas veces no noso ámbito urbano en Ribadeo e eu son depositario das queixas que me fan chegar moitas persoas sobre veciños bastante insensibles que permiten que os seus cans defequen na vía pública e non teñen coidado de recoller esas deposicións e depositalas nas papeleiras habilitadas para este fin ou nos contedores”.

O alcalde anunciou que “acabamos de editar un novo Bando e despois deste ninguén se poderá asustar si a Policía Local fai o seu traballo e sanciona aos propietarios destes cans por permitir que circulen pola vía pública sen bozal e por non facerse cargo da limpeza das cacas que fai o seu animal. Eso molesta moito e é un perigo para os nenos que xogan nos parques e nas zonas de recreo ou mesmo nas beirarrúas”.

Fernando Suárez considera que “vivimos nun mundo no que tratamos de ser o máis civilizados posible, tentamos ter unha cordialidade entre todos para compartir o medio que nos rodea e quero dirixirme en ben aos propietarios dos cans para que teñan especial coidado co que fan as súas mascotas, porque despois non se poderán queixar si a Policía Local os localiza e os sanciona”.

BANDO

DON FERNANDO SUÁREZ BARCIA, ALCALDE-PRESIDENTE DO EXCMO. CONCELLO DE RIBADEO,

FAI SABER

Que a Ordenanza Municipal de Protección Medioambiental do Concello de Ribadeo, publicada no Boletín Oficial da Provincia número 178 de 4 de agosto de 2006 sinala,no seu artigo 19 – Titulo I, capítulo IV respecto á tenencia de cans e outros animais domésticos- o seguinte:

Artigo 19.

1.- Como medida hixiénica ineludible, as persoas que conduzan cans procurarán impedir que estes deixen as súas deposicións nas vías públicas, xardins, paseos, e en xeral, en calquera lugar destinado ao tránsito de viandantes en lugares públicos. O Concello poderá fixar zonas donde levar a cabo as mesmas.

2.- No caso de que as dexeccións queden depositadas en calquera lugar público, dentro do casco urbano e fora dos lugares habilitados a tal fín, a persoa que conduza o animal estará obrigada á súa limpeza e a tal efecto deberán levar obrigatoriamente unhas bolsas e/ou os accesorios necesarios para a recollida e limpeza das dexeccións, que debidamente empaquetadas serán depositadas en papeleiras ou contenedores.

3. Do incumprimento serán responsables as persoas que conduzan os animais e subsidiariamente os propietarios dos mesmos.

Mediante este Bando, recordatorio doutros anteriores, esta Alcaldía fai un chamamento a todolos veciños/as e residentes en xeral na vila, para que extremen as medidas a adoptar neste aspecto co fín de dar cumprimento á mesma e de non ter que acudir á vía sancionadora.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Ribadeo, 5 de abril de 2010.

Exit mobile version