RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asegura que as obras realizadas no cuartel da Garda Civil son moi importantes tanto pola súa magnitude económica como pola rehabilitación do inmoble. Suárez Barcia acompañou xunto a outros membros da Corporación Municipal ao subdelegado do Goberno, Xosé Vázquez Portomeñe, na visita que éste realizou a Ribadeo para supervisar as obras de rehabilitación desas instalacións.
O rexedor sinalou que “son unhas obras moi importantes pola súa magnitude económica, sobre dous millóns de euros, e pola recuperación dun edificio que xa tiña uns 35 anos. Hai que lembrar que é do 1.975 e había aspectos que non eran demasiado funcionais e a partires de agora quedan unhas instalacións moi axeitadas para os que alí traballan, para os que alí viven e tamén para que os cidadáns cando teñan que facer algunha xestión poidan sentirse nunhas instalacións cómodas e modernas”.
Suárez Barcia engadiu que “estamos satisfeitos de que esto fose indo así. A empresa pública Tragsa, que foi a adxudicataria das obras, fixo un traballo moi bó e creo que nos debemos felicitar todos pola rapidez e pola magnitude dos traballos, pola calidade dos acabados e pola inversión que quedou aquí en Ribadeo, como dicía, duns dous millóns de euros aproximadamente”