Nota de Prensa
ALFONSO VILLARES SOLICITA DA DEMARCACIÓN DE CARRETERAS A INSTALACIÓN DE DOBRE BIONDA EN TÓDOLOS TRAMOS DAS OBRAS DE ACONDICIONAMENTO E MELLORA DA N-642
* O alcalde fixo un seguimento destes traballos coincidindo coa apertura parcial da ponte que une Río Cobo con Sargadelos e Castelo
* Villares púxose en contacto telefónico cos responsables de Carreteras e nos vindeiros días enviará un escrito oficial para que esta solicitude sexa tida en conta no menor tempo posible
Cervo, 28 de abril de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, estivo esta mañá facendo un seguimento dos traballos de acondicionamento e mellora da estrada N-642 que está a desenvolver a demarcación de Carreteras do Estado en distintos puntos do término municipal.
Acompañado de técnicos municipais e de responsables da empresa encargada das obras Villares inspeccionou o tramo de melloras no cruce de Río Cobo coa N-642, o cal entrou parcialmente en funcionamento a tarde-noite de onte. O tramo habilitado é o que une Río Cobo coa estrada provincial que da acceso aos núcleos de poboación de Castelo e Sargadelos. Dende onte, os vehículos que transiten por esta vía xa non terán que cruzar a estrada xeral (N-642), se non que se comunicarán por unha ponte que cruza de xeito perpendicular dita estrada nacional.
Durante a visita, rexedor e técnicos comprobaron que tanto no tramo en servicio, coma os que aínda falta por habilitar, existen zonas que carecen de dobre bionda para a seguridade dos motoristas, a pesares da súa potencial perigosidade para os condutores de vehículos de dúas rodas.
“Parécenos que dado o esforzo inversor por parte do Ministerio de Fomento en mellorar a seguridade vial neste punto, non estaría de máis que dotara de dobre bionda todo o tramo que están a acondicionar e a mellorar, xa que tampouco suporía un desembolso desmedido. Sobre todo, tendo en conta de que a propia Dirección Xeral de Carreteras do Estado ten anunciado que os tramos novos de estradas da súa competencia contarían con este tipo de dispositivos de seguridade” lembrou Villares.
O edil cervense adiantou que xa se puxera en contacto telefónico cos responsables da demarcación de Carreteras na provincia por este motivo e indicou que o Concello remitirá nos vindeiros días unha petición por escrito desta solicitude. “A recepción por parte do persoal de Carreteras foi exquisita e coidamos que as nosas peticións sexan tidas en contas e que se podan subsanar estas eivas no menor tempo posible” sinalou.