Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo inspeccionou as obras do saneamento de San Cibrao

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, inspeccionou no día de hoxe os traballos do novo saneamento da vila de San Ciprián que se están desenvolvendo nesta localidade dende o pasado mes de agosto.

Segundo indicou o rexedor, os traballos estanse a desenvolver a bo ritmo. “As obras que atinxen á rede de colectores está case rematada e hai uns días recibiuse a autorización de Feve para poder empezar a traballar na instalación dos tramos que teñen que pasar por terreos da súa competencia” indicou Villares, quen dixo que as obras de construción da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) tamén están en marcha.

Villares explicou que ao longo desta semana os operarios da empresa adxudicataria das obras están acometendo o peche dunha zona do parque Reina Sofía onde está previsto que vaia soterrado o tanque de tormentas desta nova rede de saneamento e indicou que segundo as informacións dadas polos técnicos, a totalidade das obras poderían estar rematadas nos meses de novembro ou decembro “sempre e cando non xurdan imprevistos” recalcou.

O mandatario local amosouse gratamente satisfeito de que “por fin” o saneamento integral da vila de San Cibrao “vaia tomando forma”, xa que era unha infraestrutura moi demandada tanto polo Goberno local coma polos veciños deste núcleo de poboación “e tamén, todo hai que dicilo, porque foi unha obra reiteradamente torpedeada e paralizada polo anterior goberno bipartito da Xunta, aínda que iso afortunadamente xa é historia” indicou.

Villares quixo tamén agradecer “a comprensión” dos veciños de San Cibrao nestes últimos meses “nos cales sei de sobra que non é doado circular pola vila, debido precisamente a estas obras e tamén a outras coma a canalización do gas cidade, pero estamos seguros que saben comprender que este tipo de inconvenientes son o prezo que hai que pagar se queremos dispoñer dunhas infraestruturas no pobo acordes cos tempos actuais”.

DATOS DAS OBRAS DE SANEAMENTO DE SAN CIPRIÁN:

Exit mobile version