BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, asegura que a radio municipal se autofinanciará para sufragar os gastos de persoal, de material e de enerxía.
O rexedor explicou que o proxecto estivo parado durante un tempo e que “agora estamos a darlle un impulso porque hai unha serie de oportunidades que queremos aproveitar, imos tratar de levar adiante este servizo público, o que é a memoria de creación e a regulamentación da futura emisora”. Llano manifesta que “o que tentamos é darlle un servizo importante a Burela, para que os veciños participen neste proxecto e na vida cultural, política e social do concello. Todo o mundo poderá colaborar e ademáis é algo demandado por moitos sectores e colectivos. Vai ser un servizo utilizado e xustificado”.
Alfredo Llano engadiu que “cando se pon en marcha un servizo municipal contamos cun aporte económico que o satisfaga, lóxicamente a radio pública o que fará é autofinanciarse a través da publicidade para sufragar os gastos de persoal, de material e de enerxía. Non faremos nada improvisado, non dará gastos ao Concello de Burela e esperamos que ben xestionado dea os seus beneficios tanto económicos como sociais que é o que interesa”.
Plan innova-TE
Por outra banda, o rexidor contou que “onte recibimos a visita de dous técnicos da Deputación do programa Innova-TE para instaurar en todos os Concellos que o soliciten a administración electrónica. De contado será unha realidade no noso Concello e para eso estamos a dar os pasos necesarios, como a formación dos nosos funcionarios para que poidan levar adiante este programa, poñeremos servizos electrónicos que inclúen os equipos e tamén imos mellorar moito a nosa páxina web”.
Llano lembrou que “Burela forma parte dos Concellos piloto para implantar este proxecto, somos seis en toda a provicia. Estamos intentando colaborar con este programa Innova-TE coa única finalidade de que os veciños sexan os beneficiados coa súa posta en marcha. En breve esto estará en funcionamento e notarase na calidade, na rapidez e nas esixencias dos que o soliciten que son os veciños de Burela”.