RIBADEO (FNC) .- O Centro de Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Ribadeo, presentará a iniciativa Memoria dos Oficios o vindeiro xoves 22 de abril ás 19:30 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval. O acceso é libre e de balde.
Este proxecto foi levado a cabo no ano 2009 no Telecentro de Ribadeo, nel participaron catro xubilados/as, dúas mulleres e dous homes do municipio, entre os 65 e 80 anos, que nos quixeron contar algo dos oficios tradicionais e das súas vidas.
A Rede CeMIT da Xunta de Galicia, enmarcada na Estratexia Galega para a Sociedade da Información, ten entre os seus principais obxectivos titorizar á cidadanía con maiores dificultades e proporcionarlles os medios e ferramentas necesarios para poder integrar as novas tecnoloxías na súa vida cotiá.
Memoria dos Oficios nace cun dobre obxectivo: por un lado facer uso das novas tecnoloxías e, por outro, recuperar as lembranzas sobre os oficios tradicionais do noso pobo ribadense. Os catro protagonistas (unha muller vinculada co mundo do mar, un ebanista, unha modista e un xastre) foron capaces de elaborar un vídeo conxunto no que se narra unha historia con imaxes, música e voz en off para relatar as súas experiencias e coñecementos sobre os oficios tradicionais.