NOTA DE PRENSA:
NNXX manifesta a urgente necesidade dunha reforma laboral para combater os negativos efectos do paro
* As mocidades do PP salientan o efecto positivo que terá na creación de emprego o plan Impulsa Lugo posto en marcha pola Xunta e o Plan de Emprego Xuvenil que está en elaboración por parte do Goberno de Feijóo e o contrastan coa falta de iniciativa dos socialistas tanto a nivel nacional como desde a Deputación.
Lugo, 10 de abril de 2009.- O Presidente provincial das Novas Xeracións, Daniel Vega, xunto co Vicesecretario de Economía, Vivenda e Industria, Fernando Carreiras González, manifestaron hoxe “a profunda preocupación existente entre a xuventude ante os alarmantes datos de desemprego relativos ao mes de marzo”. Na súa opinión o incremento do desemprego responde “ás fortes consecuencias da crise económica pola que esta atravesando o país neste momento” e que se ve agravada pola “pésima actuación do goberno socialista incapaz de levar a cabo medidas eficaces que combatan os serios problemas económicos dos cidadáns, nin desde o Executivo central, nin desde a Deputación”. Co obxectivo de frear a evolución do desemprego consideran os mozos populares que “é necesario unha urxente reforma laboral na que se potencie a contratación indefinida bonificando as cotizacións dos novos contratos, como eixe principal”.
En relación co desemprego xuvenil, as Novas Xeracións sosteñen que “o Plan Específico de Emprego Xuvenil que está en fase de elaboración e debate por parte do goberno de Feijoo terá efectos económicos moi positivos e fará fronte ao incremento do desemprego do 1,53 por cento entre os menores de 25 anos neste mes de marzo”. Tamén manifesta o “apoio total de Novas Xeracións ao Plan Impulsa Lugo da Xunta de Galicia que se traduce na elaboración dun Plan Estratéxico para Lugo e a posta en marcha de axudas específicas que levarán unha forte promoción do emprego, do progreso económico e do incentivo empresarial da provincia de Lugo”.