RIBADEO (FNC) .- Máis de 1.200 persoas pediron información de Ribadeo na Oficina de Turismo durante a semana santa. Procedían maioritariamente de Galicia, Madrid e País Vasco, pero tamén de Alemaña e de Portugal.
O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “debemos facer unha valoración francamente positiva do resultado das visitas realizadas pola xente que se achegou nestes días de asueto de semana santa a Ribadeo. Segundo datos da Oficina de Turismo, é dicir das persoas que fisicamente se achegaron ata alí a pedir información, non das que viñeron a Ribadeo porque é moito máis complexo poder estimar número, en total 1.241 persoas pediron información sobre Ribadeo”. O rexedor puntualiza que “hai unha clara chegada do turismo de proximidade, quizáis agudizado pola crise económica que se está a vivir, a xente máis achegada aquí é a que máis nos visitou, os galegos foron os que máis se achegaron a Ribadeo a disfrutar destes días de descanso, supuxeron o 30% das consultas recibidas na Oficina de Turismo, seguidos de madrileños e de vascos ademais de asturianos. Estáse a rexistrar un aumento de visitantes vascos, incluso por enriba dos procedentes de Asturias. Viñeron doutras comunidade, pero en menor medida e do estranxeiro chegaron sobre todo de Alemaña e Portugal”.
Suárez Barcia subliñou que “a xulgar polo número de persoas que se podían ver pola rúa, a xulgar polos comentarios positivos dos hostaleiros… todos estaban agradecidos de como estaba a ir a semana santa e o que pode ser un preludio do bo que podería ser o verán. Desde o Concello ampliamos os horarios de atención ao público na Oficina de Turismo, porque entendíamos que a situación o requiría e creo que moita xente, polo que nos din, pregunta basicamente por dúas cousas, pola praia das Catedrais e polo casco vello de Ribadeo”. O alcalde engadiu que “houbo momentos nos que ese areal estivo ateigado de xente ao igual que moitos días do verán, a pesares de que o tempo non acompañou demasiado. E o casco vello é unha zona moi visitada que a xente valora que se están empezando a rehabilitar vivendas, algo que nos da confianza no que estamos a facer que é esta política de diálogo con todos os que queren amañar as vivendas non só para sí senón para ter un casco vello á altura do que se merece Ribadeo, un dos mellores cascos vellos de toda Galicia. Pero ao mesmo tempo que sempre tendemos a man aos que colaboran tamén estou moi orgulloso de ser duro con aquelas outras persoas que non teñen ningún interese en rehabilitar, vender ou adecentar os seus inmobles e de aí que nos vexamos na obriga de abrir expedientes sancionadores que ao fin e ao cabo empezan a dar resultados porque comezan a verse cousas que desde hai moitos anos estaban moi deterioradas e en situación ruinosa”.
Fernando Suárez amósase satisfeito de que “a este ritmo no prazo de dous ou tres anos poida ser unha maravilla pasear polo casco vello de Ribadeo e onde se vexan todas as vivendas rehabilitadas, as que están habitadas e as que son propiedade e agora están descoidadas. Dentro de non moito tempo o casco de Ribadeo será unha fonte de turismo e de riqueza non só para os seus propietarios senón para que os propios turistas gocen del”.