Nota de Prensa
Afirma que a deputada socialista leva demasiado tempo confundindo ao Parlamento de Galicia co Club da Comedia e demándalle que actúe con máis rigor e respecto
O VOCEIRO DO MAR DO GRUPO POPULAR INSISTE EN QUE MARISOL SONEIRA DEBE DIMITIR TRAS NON TER RECTIFICADO OS EXABRUPTOS QUE DIRIXIU CONTRA ROSA QUINTANA
* A parlamentaria do PSOE afirmou en rolda de prensa que habería que “desterrar á conselleira do Mar porque en Galicia non hai pena de morte”.
* Balseiro Orol empraza a Marisol Soneira a desmentir un dato moi significativo: “o grao de execución pola Consellería do Mar do seu orzamento é maior ao executado polo bipartito durante toda a pasada lexislatura”
Santiago, 24 de abril de 2010.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, José Manuel Balseiro Orol vén de insistir en que a súa formación política aínda agarda pola dimisión de Marisol Soneira tras non ter esta rectificado os exabruptos que dirixiu contra Rosa Quintana, cando afirmou que “xa que non existe en Galicia pena de morte, a conselleira do Mar debera ser desterrada”.
Segundo o parlamentario popular, a xustificación dada pola súa homóloga socialista, cando atribuíu esta desafortunada frase á ironía, “non convence a ninguén” e polo tanto “é incomprensible que esta señora siga sen renunciar ao seu escano”. Balseiro Orol cree que Marisol Soneira leva demasiado tempo confundindo ao Parlamento de Galicia co Club da Comedia e demándalle que actúe con máis rigor e respecto. Insistiu ademais na tese defendida días atrás polo Grupo Popular de que “en política non caben este tipo de afirmacións fóra de lugar e que superan todos os límites do debate san e da crítica lexítima da oposición”
MAIOR EXECUCIÓN CO PPdeG
“Supoñemos que todo canto estaba a dicir a señora Soneira na súa rolda de prensa era un chiste e, polo tanto, estamos ante unha razón máis para requirir a súa dimisión”. De calquera xeito, e entrando no fondo do asunto, Balseiro Orol emprazou á deputada socialista a que desminta un dato moi significativo: “o grao de execución pola Consellería do Mar do seu orzamento é maior ao que tivo o Bipartito ao longo de toda a lexislatura”. Balseiro Orol lembra que a xestión da súa compañeira Carmen Gallego á fronte da desaparecida Consellería de Pesca foi “desastrosa e nefasta” para Galicia, “tal e como reflectiron co seu voto os homes e mulleres do mar, que contribuíron dun xeito decisivo á victoria electoral do Partido Popular”.