TRABADA .- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas rexenerou un espazo pertencente á rede Natura 2000 no concello lucense de Trabada, onde se producían verteduras incontroladas. Esta actuación ten o obxectivo de paliar os efectos ocasionados por estas accións.
A limpeza e acondicionamento desta área centrouse na parroquia da Ría de Abres, no lugar de Acevedo espazo pertencente á Rede Natura. Tamén se fixeron limpezas na parroquia de Freitas, na zona de Xuga; e na parroquia de Fornea, no lugar de Monte Fornea. O departamento que dirixe Agustín Hernández investiu un total de 20.879 euros nos traballos de selado destes puntos, nun área de 1.800 metros cadrados.
Recolléronse un total de 24 metros cúbicos de residuos urbanos e rexenerouse a zona coa aportación de 12 metros cúbicos de solo. Finalmente colocáronse 3 carteis de aviso de prohibición de arroxar verteduras en toda esta área.
Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen. Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen.
A Consellería de Medio Ambiente destinará ao longo do presente exercicio un total de 700.000 euros para continuar, baixo unha programación planificada, coa eliminación daqueles puntos de vertedura incontrolados máis contaminantes que na actualidade ten rexistrados a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
Controlados 12 puntos de vertedura
A Consellería de Medio Ambiente, a través da Secretaría xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, promoven dende novembro diversas actuacións para eliminar un total de 51 puntos de vertedura incontrolados en 12 concellos, que implicou un orzamento de case 300.000 euros. Estas tarefas de acondicionamento, limpeza e rexeneración leváronse a cabo entre os meses de novembro de 2009 e xaneiro de 2010.
O obxectivo é eliminar os residuos incontrolados de orixe diversa que supoñen un risco para a saúde pública, que poden ser orixe de incendios e accidentes, e que ademais constitúen un importante foco de contaminación. Por outro lado, producen un impacto visual negativo e poden contribuír á proliferación de máis verteduras. A última fase dos traballos de selado de verteduras son a restauración de espazos degradados.
Este tipo de proxectos de recuperación ambiental consisten na roza de material forestal, na selección e retirada de residuos, achega de solo, se é o caso, reperfilado de noiros, revexetación da zona e ubicación de paneis e carteis informativos, como medida de concienciación cidadá.
En total 12 concellos da Comunidade Galega melloraron o aspecto e as condicións ambientais de diversos puntos e parroquias do seu concello. Concretamente, na provincia da Coruña, actuouse nos concellos de Betanzos, Outes, Rois e Touros, na provincia de Lugo, limpáronse zonas dos municipios de Guntín, Paradela e Trabada, mentres que na de Ourense, os concellos de Melón, San Cibrao das Viñas e O Barco de Valdeorras melloraron determinados puntos da súa área. Por último, na provincia de Pontevedra actuouse nos concellos de Barro e Campo Lameiro.
Tipos de residuos
En total recolléronse case 2.200 metros cúbicos de residuos urbanos , dos cales 34,3 metros cúbicos foron residuos perigosos. Estas tarefas de selado de vertedura implicou rozar unha superficie de 10.625 metros cadrados e revexetar unha superficie de 20.100 metros cadrados.
Os tipos de residuos recompilados e recollidos no desenvolvemento destas doce tarefas clasifícanse en dúas categorías:os residuos perigosos, principalmente uralita e, en menor cantidade, materiais inflamables –traballos para os que foi necesario a contratación de xestores especializados-. Os segundo tipo de residuos localizados son os residuos urbanos ou municipais que consisten, principalmente, en envases e envoltorios de plástico, metal, papel, cartón ou vidro. Tamén se adoita recoller roupas e tecidos, mobles e electrodomésticos e outros voluminosos do fogar, mobles e vehículos abandonados, incluso animais domésticos mortos, así como entullos procedentes de obras menores de construción e reparación domiciliaria.