BURELA (FNC) .- Burela acollerá o vindeiro 8 de maio o IV Encontro de Palilleiras que organiza a Asociación Cultural e Artesanal de Mulleres Palilleiras As Encaixeiras co patrocinio e a colaboración do Concello e no que participarán máis de 300 mulleres chegadas desde diversos puntos de Galicia, de Valencia ou de Córdoba.
A edil de Cultura sinalou que “dentro do programa de actos está previsto pola mañá a demostración dos traballos e dos labores que fan estas mulleres encaixeiras e como novidade este ano temos pola tarde en colaboración co persoal municipal unhas visitas guiadas ao Monte Castelo, á igrexa de Vila do Medio e ao barco museo Reina del Carmen. Con esta iniciativa As Encaixeras pretenden non só xuntar aquí en Burela a máis de 300 palilleiras senón tamén promocionar o noso pobo turísticamente e por ese motivo desde o Concello nos brindamos para colaborar con elas”.
Neves Cando engadiu que “os convites se fan ás asociacións de palilleiras de Galicia e doutras zonas do Estado español a onde elas acudiron noutras ocasións a encontros deste tipo en Valencia ou en Córdoba. A previsión que manexan é que máis de 300 mulleres estean en Burela ese día 8 de maio nunha carpa instalada na praza da Mariña”.