REFERENCIA
As Vicepresidentas da Deputación nomeadas Damas da Orde Serenísima da Alquitara de Portomarín
Gómez Besteiro recibira este distinción en 2008 e fora o pregoeiro
desta Festa que, este ano, cumpre 40 anos
A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e a Vicepresidenta Terceira, María Xosé Vega Buján, recibiron este domingo a distinción de Damas da Orde Serenísima da Alquitara de Portomarín. O cabildo da Orde decidiu outorgar esta distinción ás responsables provinciais, ó igual que o fixera en 2008 ó Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, quen fora ademais o pregoiro do festexo.
Ademais de Lara Méndez e Vega Buján, este órgano concedeu o título a outras 10 personalidades: ó Secretario Xeral do PSOE galego, Manuel Vázquez; ó director do centro penitenciario de Monterroso, Víctor Fraga; ó Alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia; ó Deputado e Secretario da Mesa do Parlamento galego, José Manuel Balseiro; ó propietario do restaurante España, Héctor López; ó presidente de Transportes Azkar, Luis Fernández Somoza; ó médico Pedro Ferreiro Mazón; ó Sarxento da Guardia Civil de Portomarín, José Francisco Sánchez; ó construtor local, José Prado Gay; e ó presentador do programa da Televisión de Galicia “Larpeiros”, Benigno Campos. Precisamente, este último foi o encargado de pronunciar o pregón da Festa, despois da cerimonia de ingreso dos novos Cabaleiros e Damas da Orde.
Toda unha tradición: 40 anos de existencia
A tradicional Festa da Augardente de Portomarín, que en 2010 chega á XL edición, celébrase cada ano no domingo de Pascua. Comeza co acendido das alquitaras na Praza Maior, seguido da procesión e da Misa. Xa na tarde, a celebración continúa cos diversos actos culturais e folclóricos, ademais de co nomeamento dos novos membros da Orde da Alquitara. Durante todo o día os visitantes poden apreciar a elaboración artesanal da augardente, así como degustar este produto.
A Festa nace nos anos 60 para promocionar este licor das mans da “Serenísima Orde da Alquitara”, respetado e recoñecido non só en Galicia, senón tamén en toda Europa. A celebación é unha homenaxe ós “augardenteiros” que, durante décadas, destilaron este licor de xeito tradicional, e que xa se elaboraba no antigo asentamento do pobo, hoxe baixo as augas do río Miño. Pódese dicir que a celebración é todo un ritual para este municipio, e o acto central é a cata e o posterior premio á mellor augardente destilada coa alquitara.