NOTA DE PRENSA
ADEGA NON QUERE XUDICIALIZAR A PROTECCIÓN DO AMBIENTE E DO TERRITORIO, MAIS HAI LIÑAS VERMELLAS QUE NON PODEN SER CRUZADAS
Se as administracións pretenden burlar a lexislación ambiental e urbanística, terán que render contas perante e xustiza
Compostela, 10 de abril de 2010. Este xoves 8, membros da Directiva de ADEGA mantiveron unha entrevista co Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para trasladarlle a postura da asociación sobre os asuntos de actualidade relacionados coas súas competencias.
A Lei do Solo e a súa modificación foi o motivo principal dunha xuntanza (solicitada antes da aprobación parlamentaria) na que ADEGA manifestoulle o seu total desacordo cos contidos e tramitación da norma e por non ter completado a previa aprobación das DOT (Directrices de Ordenamento do Territorio), iniciada na lexislatura anterior. En opinión de ADEGA, a modificación recentemente aprobada alén de involucionista, carece de xustificación nas actuais circunstancias (baixa presión urbanística) e lembrámoslle que se os concellos adataran e desenvolveran os seus PXOMS conforme á vixente Lei 9/2002, poderían desenvolverse harmónicamente os núcleos rurais sen necesidade de habilitar máis categorías de solo e desprotexer o chan rústico.
O Sr. Hernández recordou, respecto á vixente Lei do Solo, o compromiso da Consellería de empezar pronto os traballos para elaborar unha nova norma co máximo consenso posible e que, no marco deste proceso, o seu departamento tiña a vontade de contar coa opinión e achegas de todas as partes, especialmente de ADEGA. Chegado o momento, tomarémoslle a palabra.
Á proposta de ADEGA de tramitar e aprobar as DOT previamente a calquera modificación ou Plano Sectorial, o Conselleiro anunciou que tanto as Directrices como o Plano de Ordenamento do Litoral (POL) terían unha tramitación paralela. En relación ao POL, concordamos en que é dun documento moi complexo que compre tramitar con todas as cautelas posibles, mais para ADEGA debería prevalecer claramente a necesidade de conservar os valores ambientais, paisaxísticos e sociais deste sensíbel e ameazado territorio.
Neste senso, e vistas as dificultades e numerosas incidencias acontecidas no trámite de audiencia aos concellos, lembrámoslle a necesidade de prorrogar as medidas cautelares en tanto o POL non estea definitivamente aprobado. Para ADEGA non estaría xustificado o levantamento da moratoria urbanística durante a tramitación dunha norma complexa e con numerosas lagoas. Os eventuais levantamentos parciais, alén de discutíbeis (só 4 concellos costeiros teñen aínda adatados os seus PXOMS á Lei do Solo) crean ademais unha sensación de favoritismo e discrecionalidade, fonte de potenciais agravios comparativos, inxustizas e inseguridade xurídica.
No que respecta ás infraestruturas ADEGA trasladoulle ao Sr. Hernández a tradicional reivindicación sobre a promoción e recuperación dos camiños de ferro. Nisto, o conselleiro amosouse plenamente coincidente, manifestando a intención do seu departamento de constituir un Ente Ferroviario Galego, e pedir o traspaso a Galiza das competencias sobre as vías galegas, comezando por aquelas que poidan ficar fóra de uso ou devaluadas. Dende ADEGA, indicámoslle que sen dúbida, faremos valer este compromiso.
Convenio de Barreiros:
Inevitábelmente, xurdiu tamén o tema do Convenio de Barreiros que o Consello da Xunta viña de informar favorábelmente esa mesma mañá. A este respecto, ADEGA deixoulle ben claro ao Conselleiro que a palmaria ilegalidade destas licenzas constitúe unha fronteira que non se pode traspasar impunemente, e que en ADEGA trataremos de defender a legalidade por todos os medios ao noso alcanzo. A este respecto, lembrámoslle a decisión de persoármonos na denuncia da Fiscalía contra do Alcalde de Barreiros e avanzámoslle que estamos a estudar novas accións no caso de que o dito convenio urbanístico sexa finalmente aprobado.
Para ADEGA, a mesma existencia deste convenio é a demostración evidente da ilegalidade das licenzas outorgadas polo alcalde de Barreiros, por canto o solo non cumpría no seu momento (nen cumpre hoxe) ningúns dos requirimentos para ser cualificado como solo urbano consolidado. A súa sinatura por parte das administracións implicadas supón un uso fraudulento dos recursos públicos e un escandaloso agravio comparativo para os concellos e promotores que actúan dentro da legalidade.
Dende ADEGA, animamos á cidadanía, concellos e colectivos sociais, a denunciar esta e outras falcatruadas urbanísticas e ambientais e a constiuirse como última liña de defensa do noso territorio, vista a deixación de funcións da administración de consumarse a súa intención de aliñarse coa ilegalidade.