NOTA DE PRENSA
EN RESPOSTA AO BNG O COMPROMÉTESE A QUE O TRAZADO DA AUTOVÍA SAN CIBRAO-BARREIROS RESPECTARÁ A BASÍLICA DE SAN MARTIÑO DE MONDOÑEDO
O Ministerio de Fomento confírmalle ao BNG que actualmente está en contacto coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta para acordar o trazado nese punto
Madrid, 6 de abril 2010 .- En resposta a unha iniciativa do portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, o Ministerio de Fomento comprométese a que o trazado da autovía San Cibrao-Barreiros respectará a basílica de San Martiño de Mondoñedo.
Na súa iniciativa, Francisco Jorquera demandáballe ao Ministerio de Fomento a modificación da proposta de trazado da autovía Barreiros-San Cibrao a fin de evitar o tremendo impacto sobre a catedral de San Martiño de Mondoñedo. Ademais, o parlamentar nacionalista pedíalle ao Ministerio que tivese en conta as alegacións presentadas por diferentes colectivos e administracións á proposta de trazado da autovía ao seu paso pola parroquia de San Martiño de Mondoñedo.
Na súa resposta, o Goberno informa de que “actualmente o estudo informativo deste vial atópase en fase de redacción do informe de todas as alegacións recibidas, que xunto co Estudo de Impacto Ambiental redactado, ha de ser remitido ao Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, a efectos de que sexa emitida a preceptiva Declaración de Impacto Ambiental, previa á aprobación definitiva do Estado informativo, na que quedará establecido o trazado definitivo da nova autovía”.
No tocante á basílica de San Martiño de Mondoñedo, Monumento Histórico Artístico dende 1931, o Goberno asegura que “o Estudo informativo tivo presente, como é lóxico, a súa ubicación á hora de definir as distintas alternativas de trazado sometidas a información pública”.
En concreto, o Goberno asegura que “o Estudo informativo redactado ten en conta a delimitación da área de protección do monumento, e a opción seleccionada está fóra de dita zona, a 440 metros do monumento”.
En fase de negociación coa Xunta de Galiza
Neste sentido, o Ministerio de Fomento asegura que “tras a análise das alegacións recibidas, e moi especialmente a correspondente á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza, estanse mantendo contactos con esa Dirección Xeral, tras os cales concluirase acerca do trazado nese punto, tendo en conta o axeitado respecto a este importante Ben de Interese Cultural e as esixencias de seguridade viaria, funcionalidade e respecto ao medio ambiente da futura autovía”.
Francisco Jorquera subliña que “o BNG manterase vixiante para que tanto o Ministerio de Fomento como a Xunta de Galiza cumpran co que se asegura nesta respecto de xeito que a futura autovía respecte esta xoia do patrimonio cultural galego”.