Site icon Crónica3.com A Mariña

Expomar tratará a política pesqueira comunitaria nas xornadas que se celebrarán a finais de maio

BURELA (FNC) .- A política pesqueira comunitaria centrará as XVII Xornadas Expomar 2010 e o XI Encontro de Organizacións Pesqueiras que se desenvolverán en Burela os días 27 e 28 de maio, segundo ven de anunciar o alcalde e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano.

O rexedor contou que “tivemos unha xuntanza da Fundación Expomar na que perfilamos as xornadas técnicas e os encontros empresarias que se celebrarán a finais de maio, concretamente os días 27 e 28, nas dependencias tanto de Absa como da confraría de pescadores de Burela”.

As xornadas serán inauguradas pola conselleira de Mar, Rosa Quintana. Alfredo Llano explicou que “o tema elexido para analizar foi basicamente a política pesqueira comunitaria, queremos que os poñentes aborden cuestións coma a postura de Galicia ante a reforma da política común de pesca, a visión práctica e posta en común entre a administración e o sector; as reformas da OCM e a xestión de recursos. Xa o día 28 analizaremos as novas obrigas de control comunitario e para eso queremos que os poñentes falen do control de mercados na política pesqueira comunitaria; o diario electrónico a bordo e a aplicación práctica e comparada noutros estados europeos e o novo regulamento de control. A clausura correrá a cargo de José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación de Lugo”.

O tamén presidente da Fundación Expomar sinalou que “nos encontros empresariais temos confirmada a asistencia de máis dunha ducia de integrantes ligados á empresa pesqueira. Serán unhas xornadas moi interesantes para o sector e en xeral para todo o público”.

Obras

Por outra banda, o alcalde manifestou que “estes días temos aquí en Burela unha brigada de obras da Deputación que está a asfaltar diferentes espazos na nosa vila, actuaron xa en Vila do Medio e en Vilar e agora imos arranxar tamén o aparcamento da praia da Marosa que se atopaba moi deteriorado e aproveitaremos para facer tamén un asfaltado nas instalacións do propio estadio para facilitar o acceso dos vehículos de uso para limpeza e materiais e os do espectador. Con esta obra esa zona gañará valor”.

Exit mobile version