Site icon Crónica3.com A Mariña

San Cibrao acolle a fase final do campionato provincial de baloncesto infantil feminina

CERVO .- O vindeiro sábado, 24 de abril, o pavillón municipal da localidade de San Ciprian acollerá a fase final do campionato provincial de baloncesto en categoría infantil feminina. Os catro equipos provenientes da fase regular loitarán polo título nunha intensa e única xornada que se desenvolverá baixo o formato de “final a catro”.

As semifinais terán lugar pola mañá, comezando polo enfrontamento entre o Celtas Primera Calidad de Foz e o APA María Auxiliadora-Tríscos que, en principio, deberá facer valer a súa a priori condición de favorito. A xornada matutina pecharase coa segunda semifinal, que terá coma protagonistas ás rapazas do Estudiantes fronte ao ata de agora invicto Cidade de Lugo, principal aspirante ao título polo visto nesta competición ao longo da presente campaña.

Xa pola tarde terán lugar o terceiro e cuarto posto e, seguidamente, a gran final no que se prevé que sexa unha bonita xornada que poña o broche de ouro ao actual curso baloncestístico. Destacar que este evento, incardinado dentro do programa “Deporte Escolar”, conta coa organización da Agrupación Deportiva “A Mariña”, o Concello de Cervo, o Servizo Provincial de Deportes da Secretaría Xeral da Xunta de Galicia e a Delegación Lucense da Federación Galega de Baloncesto, cuxos representantes está previsto que acudan a presenciar os diferentes partidos.

A xornada culminará coa entrega de trofeos ao campión e ao subcampión, así como a entrega de medallas aos catro conxuntos participantes en recoñecemento do traballo e o esforzo realizados durante toda a tempada. Por último, cómpre destacar que o conxunto campión terá a posibilidade de disputar a próxima edición da Copa Galicia, en representación da provincia de Lugo nesta categoría.

Exit mobile version