Site icon Crónica3.com A Mariña

Veciños da zona de A Pontenova recibiron os títulos de propiedade da concentración parcelaria de Conforto

A PONTENOVA .- 477 veciños da zona de A Pontenova recibiron os títulos de propiedade da concentración parcelaria de Conforto, acto ao que asistiu a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo.

Nota de Prensa

ARIAS ENTREGA OS TÍTULOS DE PROPIEDADE DA CONCENTRACIÓN PARCELARIA DE CONFORTO, QUE ATINXE A 477 VECIÑOS DA ZONA DA PONTENOVA

* A delegada territorial da Xunta destacou que a conclusión do proceso facilitará a “optimización de recursos no ámbito rural” do municipio mariñano
* O procedemento supuxo un investimento de máis de 2 millóns de euros e as 9.408 parcelas que ocupaban as 1.914 hectáreas de terreo quedan reducidas a 1.638

A Pontenova, 7 de abril de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, participou hoxe no acto de entrega dos títulos de propiedade co que culmina o proceso de concentración parcelaria levado a cabo na localidade de Conforto, no concello da Pontenova.

A delegada destacou a importancia desta iniciativa, que atinxe a 477 veciños, supuxo un investimento de 2.073.534 euros e iniciouse oficialmente hai 25 anos. Ao respecto, Arias explicou que “non foi ata o 2001 cando se presentou o proxecto modificado que serviu de  base real á actuación, logo de ter realizado unha profunda revisión da documentación do expediente”.

A concentración parcelaria de Conforto, que foi decretada no ano 1985 afecta a unha superficie de 1.914 hectáreas de extensión, reducindo a 1.638 fincas as 9.482 parcelas que antes se diseminaban polo territorio afectado. “Deste xeito, a superficie media das leiras resultantes quintuplica o tamaño das precedentes e achégase aos 11.100 metros cadrados”, segundo concretou Antonio Crespo.

A delegada territorial subliñou que o proceso de concentración redunda nunha mellor capacidade de aproveitamento da terra, “e este remata precisamente cando atravesamos tempos de incerteza económica que fan máis preciso que nunca  optimizar os recursos ó máximo”.

Arias afirmou que Galicia debe apostar “por un modelo de desenvolvemento sustentable e de crecemento equilibrado de todo o territorio galego”. Neste sentido, o director xeral de Desenvolvemento Rural fixo alusión “as actuacións completadas, como esta da Pontenova, que permiten levar a cabo no medio rural proxectos con mellores posibilidades”.

“A administracións deben incrementar e mellorar os servizos e infraestruturas nos concellos rurais e apoiar as iniciativas dos emprendedores”, indicou Arias, quen expresou a súa confianza en que “a organización racional do solo que supuxo esta concentración sexa un mecanismo dinamizador para a economía local”.

Exit mobile version