Conta a historia que as primeiras celebracións do Día da Nai remóntanse á antiga Grecia onde se rendía honores a Rhea, a nai de Júpiter(o deus do ceo). Os romanos chamaban a esta celebración A Hilaria e tiña lugar o quince de Marzo no templo de Cybele. Os primeiros cristiáns transformaron estas celebracións en honor da Virxe María, a Nai de Xesús, que mais tarde trasladaron ó mes de Maio, por ser este o tempo sinalado pola Igrexa para honrar de xeito especial á Nai de Deus e por ser tamén o mes das frpres, pois é sabido que estas contan con unha linguaxe propia e que con cada unha delas podemos transmitir unha mensaxe diferente. Actualmente na maioría dos países europeos celébrase o primeiro domingo de maio. Pero non en todas partes se celebra o mesmo día, pois amais de EE.UU. tamén en Alemania se festexa o segundo domingo, e nos países de Latinoamérica a data varía por motivos, ás veces, ben curiosos: Nicaragua, por exemplo, escolleo o día 30 de maio, porque nesa data era o cumpreanos de Casimira Sacasa, que era a sogra de Anastasio Somoza, presidente entón daquel país na década dos anos corenta; na Arxentina o día sinalado é o terceiro domingo de outubro… Mantemos na memoria o recordo de unha celebración especial do Día da Nai, en Foz, o ano 1968.Naquela data unha Asociación de Cabezas de Familia, existente na vila, que presidía Martín Jaureguizar, organizara a festividade do Día da Nai con unha velada literaria no entón Cine Cageao, no que participaran rapazas e rapaces, acto que pechara don Ramón Fernández Mato, coa brillantez do seu verbo frorido, tan ricaz en imaxes e metáforas; sen dúbida, un broche de ouro para un evento no que as frores e a poesía foran, fundamentalmente, os elementos que deran vida ó acontecemento.
Ó remate del, unha comisión da xunta directiva da devandita asociación, trasladárase a Cordido para homenaxear no seu domicilio á que naqueles intres era a nai mais vella do concello, á que se fixo entrega dun ramo de frores e unha caixa de bombóns. Hai mais de corenta anos….