CERVO .- Do papel á realidade, os famosos personaxes ideados por Pepe Carreiro, Os Bolechas, cobrarán vida no escenario do Auditorio Municipal da Casa da Cultura de San Cibrao. Así o deu a coñecer no día de hoxe a concelleira do Partido Popular Chelo Gallego, quen adiantou que da man de varios actores do grupo Caramuxo Teatro e grazas á colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a través da rede Camiños de Cultura, os nenos a partir de tres anos poderán pasar unha tarde moi agradable gozando dun divertido espectáculo de marionetas e música durante o cal Tatá, Chispa, Braulio, Sonia, as xemelgas Pili e Loli, e Carlos, o maior de todos os irmáns, serán os protagonistas.
O espectáculo chegará a San Cibrao no mes de maio, o venres 21, días despois de que se celebren ás Letras Galegas. A función está previsto que comece ás 19 horas. A área de Cultura do Concello de Cervo xa espera unha avalancha de público, pois estes personaxes convertéronse en todo un fenómeno literario e teatral. Chelo Gallego anima aos máis pequenos a que risquen no seu calendario esta cita cos debuxos máis divertidos, que por unha vez transcenden o papel para achegarse ata Cervo e facer as delicias dos máis pequenos.