BURELA (FNC) .- O goberno do Concello de Burela aprobou en pleno unha moción para que non se supriman as unidades móviles do programa de prevención do cancro de mama. A tenente de alcalde, Neves Cando, advirte que con esta medida se obrigará a todas as mulleres da Mariña a pasar polas longas listas de espera que xa ten o Hospital da Costa.
A edil nacionalista conta que “onte no pleno de Burela asistimos á confirmación dun paso no sistema de desmantelamento dos servizos públicos que leva emprendendo o PP na Xunta dende que está gobernando. Á supresión da gratuidade dos libros de texto, das oficinas de Igualdade e Benestar, do servizo de autopsias que segue sen volver para Burela… agora hai que sumar a intención do PP de suprimir as unidades móviles do programa de prevención do cancro de mama”.
Neves Cando lembra que “o pasado 7 de abril no parlamento galego o PP confirmou a súa intención de desmantelar estas unidades móviles e centralizar todo este servizo no hospital comarcal e onte o PP de Burela mostróuse a favor disto. Dende o equipo de goberno de Burela aprobamos unha moción para que non se supriman estas unidades móviles porque consideramos que a dispersión do noso territorio condiciona moito a movilidade e estas unidades permiten garantir un acceso máis igualitario de todas as mulleres a un dispositivo preventivo de tanta importancia”.
A tamén concelleira de Benestar Social sinala que “a existencia destas unidades móviles contribúe a facilitar a accesibilidade das mulleres a estes recursos sen ter que desprazarse fora do seu concello. E agora o PP pretende que todas as mulleres da Mariña nos despracemos ao Hospital da Costa para facer estas probas cando ata o de agora se podían facer nos distintos concellos grazas ás unidades móviles. E todo esto coa desculpa de aforrar cartos, pero señores do Partido Popular coa saúde non se xoga e todos medios que se poñan para previr o cancro, neste caso de mama, nunca son suficientes. Si se trata de aforrar cartos, que a Xunta do PP se deixe de gastalos en propaganda e poño só algúns exemplos: van gastar un millón de euros en publicitar o decreto contra o galego, xa gastaron máis de 200.000€ na enquisa sobre o galego e máis de 60.000 en poñer as galiñas azuis nas escolas infantís e iso sen falar dos cochazos que se seguen a comprar na Xunta”.
Neves Cando subliña que “coa saúde das mulleres que non se xoga porque as unidades móbiles para a prevención do cancro de mama son necesarias e o PP co beneplácito dos populares de Burela vai suprimir este servizo para que todas as mulleres da Mariña teñamos que pasar polas longas listas de espera que hai no Hospital da Costa. Dende aquí grazas por esquecerse das mulleres da Mariña e xogar tan á lixeira con este programa de prevención do cancro de mama”.