SANTIAGO .- A Consellería de Educación convocou axudas económicas destinadas ao alumnado que curse estudos universitarios nas universidades en Galicia, e que por causa sobrevida ou imprevista teña dificultades económicas para continualos.
AXUDAS A ESTUDANTES UNIVERSITARIOS CON DIFICULTADES ECONÓMICAS
A Consellería de Educación desenvolve este apoio económico ao alumnado de ensino universitario para favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico
Requisitos dos solicitantes.
Poderán solicitar estas axudas os/as estudantes universitarios/as que cumpran os seguintes requisitos:
a) Necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevida ou imprevista (orfandade absoluta, falecemento pai/nai/titor legal,desemprego sustentador principal, enfermidade grave, violencia de xénero cara a el/ela ou o seu proxenitor/a, vítimas de actos terroristas, separación, divorcio, ruína ou quebra familiar e outras circunstancias non previstas que, sendo xustificadas, repercutan na situación socioeconómica familiar).
b) Que a situación sobrevida ou imprevista teña acontecido durante o ano 2010.
c) Estar matriculado, como mínimo en 50 créditos, en estudos universitarios presenciais conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico e arquitecto técnico en calquera das universidades do sistema universitario de Galicia.
d) Ter fixada a súa residencia familiar en Galicia cun mínimo de tres anos consecutivos e anteriores á data de publicación desta convocatoria.
e) Que a renda per cápita da unidade familiar non sexa superior a 4.755,80 (396,31 euros mensuais).
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto ata o 30 de outubro de 2010
Contía.
1. Para determinar a contía da axuda que se lle concederá a cada solicitante, a comisión avaliadora, examinada a documentación presentada, terá en conta como criterios de distribución os seguintes limiares de renda per cápita:
Limiares de renda Contía da axuda
Ata 3.000 € 2.500 euros
De 3.001 € a 3.500 € 2.000 euros
De 3.501 € a 4.000 € 1.500 euros
De 4.001 € a 4.755,80€ 1.250 euros