Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberto o prazo de inscrición na quinta edición do “Ribadeo de tapeo”

RIBADEO (FNC) .- O Concello de Ribadeo prepara a quinta edición do concurso Ribadeo de tapeo que organizan a Área de Desenvolvemento Local en colaboración coa Área de Benestar e Turismo da Deputación de Lugo.

Este ano o concurso de tapas desenvolverase do 22 ao 30 de maio, ambos incluidos. O alcalde, Fernando Suárez, está a enviar cartas aos establecementos hostaleiros do concello para que se animen a participar nesta xa tradicional cita “coa que se quere continuar na promoción e fomento da innovación e calidade dun dos sectores máis populares da nosa vila, como é a cociña de barra e a nosa gastronomía”.

Todos os que queiran inscribirse poderán facelo ata as dúas da tarde do vindeiro 30 de abril, deberán entregar o boletín de suscrición máis a ficha técnica da receta da tapa presentada. Poden acudir para anotarse e para obter máis información á Oficina de Desenvolvemento Local do Concello ou chamando por teléfono ao 982 128 650.

Cada establecemento poderá presentar 1 tapa como máximo que terá un prezo de venda ao público de 1 euro. Haberá premios á mellor tapa do ano, á mellor tapa tradicional (que terá que ser elaborada con produtos de orixe galego de calidade recoñecida), á mellor tapa creativa e á mellor barra. Un xurado experto seleccionará aos gañadores das mellores tapas do ano, tradicional e creativa e serán os clientes os que decidan a mellor barra. As votacións poderán realizarse nas urnas que se instalarán nos establecementos participantes.

O rexedor lembra que “esta iniciativa que facemos desde o Concello de Ribadeo chega á súa quinta edición e conta coa participación económica tamén da Deputación Provincial de Lugo. A cita nos sirve para dinamizar a un sector potentísimo que temos no noso concello que é o da hostalería e a restauración e que sempre facemos aproveitando un momento baixo ou de pouco venda fora da época estival, da semana santa ou de Nadal”.

Fernando Suárez convida “a todos os bares e mesóns que aínda non o fixeran a que se inscriban porque teñen de prazo ata o 30 de abril. Haberá como sempre premios para os mellores e tamén para o público participante. O que queremos é volver poñer no centro do mapa das iniciativas comerciais a Ribadeo. Estou convencido que moita xente de Ribadeo, da Mariña e do Occidente asturiano aproveitará para facer a ruta das tapas polos diferentes locais da vila e das parroquias, onde con moito ánimo se inscribiron estes anos e agardo que tamén o fagan nesta edición”. O alcalde asegura que “o que queremos en definitiva é facer de Ribadeo, o que xa é, un lugar atractivo para vivir, un lugar atractivo para mercar e un lugar atractivo tamén para tomar un viño, para tomar unha tapa, para disfrutar desta gastronomía en miniatura e para axudar ao noso tecido produtivo”.

Exit mobile version