Site icon Crónica3.com A Mariña

As finais dos campionatos provinciais do programa Xogade reúnen a 630 participantes en Lugo

LUGO .-As probas finais dos campionatos provinciais do programa Xogade de deporte en idade escolar, promovido pola Secretaría Xeral para o Deporte, nas disciplinas de xadrez, taekwondo, bádminton e atletismo reunirán esta fin de semana a 630 rapaces de Lugo

Nota de Prensa

AS FINAIS DOS CAMPIONATOS PROVINCIAIS DO PROGRAMA XOGADE REÚNEN ESTA FIN DE SEMANA A 630 RAPACES DE LUGO

* A Delegación Territorial, a través do Servizo de Deportes e coa colaboración das federacións respectivas, organiza mañá as competicións das disciplinas de xadrez, taekwondo e bádminton, quedando para o domingo a derradeira proba de atletismo

Lugo, 30 de abril de 2010.- As probas finais dos campionatos provinciais do programa Xogade de deporte en idade escolar, promovido pola Secretaría Xeral para o Deporte, nas disciplinas de xadrez, taekwondo, bádminton e atletismo reunirán esta fin de semana a 630 rapaces de Lugo.

As competicións organizadas pola Delegación Territorial, a través do Servizo de Deportes, coa colaboración das delegacións das respectivas federacións e con varios dos concellos que acollerán as probas, comezarán mañá coa celebración dos enfrontamentos finais de bádminton, xadrez e taekwondo.

As partidas de xadrez, ao igual que as das restantes disciplinas serán clasificatorias para o Galego da especialidade, celebraranse dende a mañá do sábado nas instalacións do centro Lug-II de Lugo. Arredor de 60 rapaces das categorías alevín, infantil e cadete rivalizarán polos primeiros postos do certame, cuxo remate está previsto para a tarde do mesmo sábado.

Nesta competición, participarán xogadores pertencentes a colexios de Chantada, Castro de Ribeiras de Lea (Castro de Rei), Franciscanos (Lugo), Martínez Otero e O Pilar (Foz)  e aos clubes Xaquedrum, ACD Xove e Casa Xuventude.

Bádminton

Tamén entre a mañá e a tarde deste sábado se desenvolverá a fase final provincial da disciplina de bádminton. O pavillón Antonio Tarrío de Viveiro acollerá dende as 11.00 horas os máis de 200 partidos que dirimirán os participantes pertencentes ás catro categorías en liza: benxamín, alevín, infantil e cadete.

En total, participarán na cita arredor de 150 deportistas pertencentes aos seguintes colexios e agrupacións: EDM Chantada, EDM Monforte, Anpa A Lagoa-Colexio Novo de Monforte, EDM Taboada, EDM Mondoñedo, EDM Viveiro, Colexio As Mercedes (Sarria) e Colexio O Pilar (Foz).

Os partidos finais, que servirán para dilucidar os xogadores que obterán o pase para o Campionato Galego que se celebrará o 8 e 9 de maio en Baiona (Pontevedra), desenvolveranse a partir das 17.30 horas.

Taekwondo

As competicións finais do programa Xogade na provincia de Lugo dentro da disciplina de taekwondo nas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete levaranse a cabo no pavillón de Baamonde, no municipio de Begonte, cuxo Concello colabora na organización do certame. Preto de 120 xóvenes deportistas participarán no torneo, representando a seis colectivos: Escola Lucense, Jansu Vilalba, Jansu Begonte, Trabazos, EDM Rábade e Jansu Baamonde. O campionato comezará ás 11.00 horas e está previsto que remate arredor das 13.30 horas.

Atletismo

Na xornada do domingo, o Campionato Provincial de Atletismo correspondente ás categorías benxamín, alevín e infantil servirá para por o peche a unha fin de semana de grande actividade deportiva nas categorías de base. A Delegación Territorial da Xunta en Lugo, a través do Servizo de Deportes, coa colaboración da delegación da federación autonómica da disciplina e o Concello de Lugo, organiza as probas finais que terán como escenario o estadio Gregorio Pérez Rivera.

Nas pistas do recinto da capital lucense concentraranse uns 300 deportistas correspondentes a 23 colexios e agrupacións da provincia: Anexa, CP Casás, Fingoi, Franciscanos, María Auxiliadora, Illa Verde, Lucus Augusti, Emevé, Triscos San José, Lucus Caixa Rural e Escola Atlética Lucense (Lugo), Colexio Martínez Otero e O Pilar (Foz), Colexio A Gándara (Monforte), EDM Castro de Rei, ED Valadouro, Colexio de Guitiriz, CEIP Santa Rita de Galdo (Viveiro), ED Lourenzá, EDM Mondoñedo, CEIP Monterroso, ED O Valadouro e SD Albións (A Pontenova).

As competicións desenvolveranse das 11.00 horas ás 14.00 horas e entre as 16.30 horas e as 19.30 horas da xornada do domingo.

Exit mobile version