Nota de Prensa
A iniciativa popular solicita iniciar os traballos para a divulgación e promoción do percorrido que empeza en Ribadeo e continúa por Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, Ortigueira, Cedeira e chega ata Neda onde se funde co Camiño Inglés
O PARLAMENTO APROBA, A INICIATIVA DO PPDEG, INICIAR OS TRÁMITES PARA OFICIALIZAR O CAMIÑO DO MAR COMO NOVA RUTA XACOBEA
* Segundo a deputada Emma Álvarez Chao “se trata de iniciar estudios, tendo en conta a documentación existente, para oficializar o Camiño e promover a súa divulgación sendo conscientes de que non hai nada presupostado para actuacións concretas sobre o mesmo durante este ano Xacobeo”
* Para o PPdeG os estudios históricos demostran que o viario cumpre cos requisitos necesarios: existencia dun itinerario de peregrinación histórico, rede asistencial na que os camiñantes obtiñan comida e cama e hai constancia demostrada de presenza continuada de peregrinos
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2010.- O Parlamento de Galicia aprobou, na sesión da Comisión de Educación e Cultura celebrada hoxe, unha iniciativa do PPdeG na que se solicita da Xunta de Galicia dar os primeiros pasos e iniciar os trámites e xestións oportunas co obxecto de oficializar como ruta xacobea o novo viario de peregrinación coñecido como Camiño do Mar. A iniciativa popular solicita tamén iniciar os traballos para a divulgación e promoción deste percorrido que empeza en Ribadeo, continua polos concellos de Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, Ortigueira, Cedeira e chega ata Neda, no que se funde coa ruta oficial do Camiño Inglés chegando ata Santiago.
Para a deputada popular Emma Álvarez Chao, encargada de defender a iniciativa, “pedimos que se estude e se teña en conta a documentación existente para facer oficial o Camiño e a divulgación e promoción do mesmo, sendo conscientes de que non hai nada presupostado para actuacións concretas durante este ano Xacobeo”. Nese sentido criticou que os partidos da oposición pidan agora axilizar os trámites “cando en catro anos de Goberno bipartito na Xunta de Galicia este Camiño estivo no olvido e non fixeron nada e agora é unha iniciativa do PPdeG a que amosa un compromiso claro e decidido deste partido e do actual goberno da Xunta de Galicia ca Mariña lucense, as portas dun Ano Santo como o actual ante o que o anterior Goberno debería haberse posto as pilas”.
Álvarez Chao destacou as moitas vantaxes e os beneficios que a oficialización da ruta tería para a comarca, non só dende o punto de vista turístico senón tamén nos aspectos culturais, económicos, sociais e relixiosos e fixo referencia as asociacións máis activas, entre as que destacou a Asociación de amigos do Camiño de Santiago Abrindo Camiño e a Asociación de Turismo Rural de A Mariña (Aturmar), na reivindicación da vía.
CUMPRE TODOS OS REQUISITOS
A deputada popular indicou que prestixiosas investigacións históricas demostran a existencia deste novo trazado viario de peregrinación na costa norte galega xa que cumpre os tres requisitos indispensables para converterse nun camiño de peregrinación oficial: demostración da existencia dun trazado viario sobre o que trazar posteriormente o itinerario da vía de peregrinación, existencia dunha rede asistencial na que os peregrinos podan acollerse e atopar comida e cama e, finalmente, demostrar a presenza continuada de peregrinos.
Todas estas condición se estarían a cumprir no Camiño do Mar, resalta a deputada popular, xa que existe documentación histórica suficiente que mesmo pode consultarse actualmente nos arquivos catedralicio e diocesano de Mondoñedo, no Histórico Nacional e en diversos arquivos municipais e parroquias. Por outra banda,tamén existía unha rede asistencial en torno a ese tramo composta por 5 hospitais: San Sebastián de Ribadeo, San Sebastián en San Martiño de Mondoñedo, San Andrés na parroquia de Lieiro, Santa Ana en Santiago de Celeiro e Santiago na parroquia de Santiago de Viveiro. Así mesmo e como mínimo dende o ano 1502 e ata principios do século XIX existe a constancia de peregrinos que empregaban esta ruta costeira.
Tendo en conta todo esto a deputada popular concluíu que é imposible negar a existencia dun camiño físico entre Ribadeo e Viveiro, entorno ao cal existe unha rede hospitalaria empregada por peregrinos e, polo tanto, cómpre dotalo do recoñecemento oficial que corresponda.