Nota de Prensa
AS OBRAS DE MELLORA DA REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGA DO MUNICIPIO DARÁN COMEZO NOS VINDEIROS DÍAS
* Técnicos de Augas de Galicia e da empresa encargada de levar adiante estas melloras reuníronse hoxe co alcalde e cos técnicos municipais para realizar os traballos previos ao inicio das obras
* Esta actuación foi licitada o pasado mes de febreiro pola empresa pública de Servizos Hidráulicos da Consellería de Medio Ambiente por un importe de 209.767 euros
Cervo, 27 de abril de 2010.- Esta mañá desprazáronse ata o Concello de Cervo técnicos de Augas de Galicia e tamén da empresa encargada de levar adiante os traballos de mellora da rede de abastecemento de auga a distintos núcleos de poboación do municipio, obras que previsiblemente dean comezo nos vindeiros días e se prolonguen por un período aproximado de nove meses.
Esta actuación foi licitada o pasado mes de febreiro pola empresa pública de Servizos Hidráulicos da Consellería de Medio Ambiente por un importe de 209.767 euros e os traballos teñen por obxecto actuar na mellora de diversos tramos da rede de augas municipal nos núcleos de Cervo, Lieiro, San Ciprián, e de xeito especial nos burgos de Castelo e Rueta. Segundo indicou o rexedor local, Alfonso Villares, as obras perseguen tres finalidades: “Por unha banda, renovaremos boa parte das canalizacións de abastecemento de augas nas zonas que presentaban maiores problemas de avarías polo paso do tempo, por outra optimizaremos a calidade do servizo en puntos onde a rede adoecía de deficiencias e finalmente aproveitaremos tamén para dotar deste servizo a zonas que ata o momento carecían del, coma é o caso dalgúns puntos de Castelo e Rueta” sinalou.
Alfonso Villares salientou o beneficio que suporá este investimento procedente da Xunta para os veciños do termino municipal e lembrou que a devandita actuación forma parte do programa de dotación e mellora de infraestruturas básicas que o Goberno local está a levar adiante no que se integran obras que xa se están en marcha coma as do abastecemento de auga compartida co concello de Burela, ou os saneamentos de San Ciprián e Cervo; así coma outras que comezarán pronto coma é o caso do saneamento da Senra. “Todas estas actuacións, unhas en marcha e outras próximas a iniciarse coma é o caso da que nos estamos a referir hoxe, suman uns investimentos das distintas administracións con competencias na materia de máis de 12,6 millóns de euros no noso concello en obras de mellora e ampliación das nosas infraestruturas básicas” indicou Villares.
Por último, o alcalde asegurou que o equipo de Goberno local continuará a traballar e colaborar coas distintas administracións “para poder conseguir dotar e modernizar as infraestruturas básicas do noso concello paso a paso, ata poder chegar a dotar a tódolos recunchos dos nosos núcleos de poboación este tipo de servizos”