Site icon Crónica3.com A Mariña

Adxudicado o equipamento da escola infantil de Foz

FOZ .- O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar adxudicou á empresa Sutega Mobiliario S.L. o equipamento da Escola Infantil de Foz por un importe de 38.108,35 euros.

Cara á entrada en funcionamento da escola, ao longo da vindeira semana celebraranse entrevistas individuais cos pais e nais dos nenos matriculados co obxectivo de establecer un primeiro contacto máis particular e iniciar o coñecemento dos nenos, do seu desenvolvemento e hábitos e dar así unha mellor resposta dende o primeiro momento.

Tras esas entrevistas, o luns 12 de abril terá lugar no centro educativo unha xuntanza xeral con todas as familias, ás que se lles darán a coñecer aspectos relativos á normativa de funcionamento da Rede de Escolas Infantís de Galicia, e o día 13 celebrarase unha xornada de portas abertas previa á entrada definitiva dos nenos e nenas na escola.

A Escola Infantil de Foz oferta un total de 61 prazas divididas en 4 unidades e é un dos oito centros infantís que o Consorcio está a poñer en marcha nos primeiros meses do ano. Así, neste primeiro trimestre comezou tamén a actividade en novas escolas de Ferrol e de Marín e proximamente iniciarase nas de Vilagarcía, Cotobade, Silleda, Ames e Ares. Estes oito centros incrementarán en 544 a oferta de prazas en escolas do Consorcio que acadará as 4.542 nun total de 90 centros.

Exit mobile version