Site icon Crónica3.com A Mariña

Advirte o BNG que O Concello de Cervo podería verse incluído nun rexistro de morosos

Nota de Prensa

O CONCELLO DE CERVO SEGUE RECIBINDO RECLAMACIÓNS DE PROVEDORES DE MATERIAIS E SERVIZOS CON RECARGOS DE DEMORA

O Concello podería verse incluído nun rexistro de morosos por non atender os seus pagos a tempo

Os nacionalistas denuncian que o goberno local non abona a tempo nin as facturas grandes nin as pequenas

Cervo, 14 de abril de 2010. O Bloque Nacionalista Galego segue informando á cidadanía da caótica xestión económica do goberno municipal que un mes tras outro recibe reclamacións de provedores de materiais e servizos de diversa contía que nalgúns casos optan pola vía xudicial para tentar cobrar as súas facturas e noutros recorren a empresas de cobro de morosos ou á inclusión do municipio en rexistros de morosos. No pasado mes de marzo presentáronse no rexistro municipal reclamacións por mais de 180.000 euros.

No pasado mes de marzo o BNG detectou reclamacións por importe de 180.000 euros

O BNG fai un seguimento das reclamacións de empresas subministradoras de materiais e servizos que mes tras mes presentan escritos no rexistro municipal reclamando o pago das súas débedas. No pasado mes de marzo os nacionalistas detectaron reclamacións de empresas por facturas non abonadas en prazo por importe de 180.000 euros que nalgúns casos aplican porcentaxes de recargo por demora nos pagos. Entre as reclamacións hai facturas que van dende os 318 euros ate os 123.800 euros de empresas provedoras de electricidade, material de fontanería, medios de comunicación, publicidade, servizos xurídicos, etc. “O portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa, dixo que os provedores teñen dereito a presentar recargos de demora que sae dos petos da cidadanía cervense e os responsábeis desas demoras son os xestores municipais”. Para Estúa, “ non e de recibo xerar intereses de demora por facturas de 300 euros e tampouco o é para outras como as das eléctricas que forman parte do gasto corrente e están orzamentadas nas previsións de gasto”.

O concello podería estar xa incluído nun rexistro de morosos por unha destas empresas

Os nacionalistas denuncian que algunhas destas empresas xa presentaron por vía xudicial as súas reclamacións e outras recorren a outros métodos como o encargo de cobro de débedas a terceiras empresas ou a tramitar a inclusión do concello de Cervo en rexistros de morosos. “Estúa cualificou de patético que por unha factura de 718 euros que non se paga a tempo o concello pode estar nun rexistro destas características e reclamou explicacións públicas aos alcalde por esta circunstancia”.

Exit mobile version