Site icon Crónica3.com A Mariña

Admitida a trámite a denuncia contra o presidente de Portos de Galicia poolo caso da piscifactoría de Rinlo

SANTIAGO .-ADEGA informa que, en relación coa recente nova da admisión a tramite da denuncia da Fiscalía Ambiental do TSXG contra José Manuel Alvarez-Campana, actual presidente de Portos de Galiza, por posible delito de prevaricación medioambiental e outro de prevaricación urbanística no caso da piscifatoría de Rinlo (Ribadeo), ADEGA quere manifestar:

1.- Os feitos remóntanse ao 2005, logo de que o Consello da Xunta de Fraga, con Feijoo de Vicepresidente e estando o goberno en funcións, aprobara unha declaración de impacto ambiental para a piscifactoría de Rinlo asinada por Alvarez-Campana, daquela director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

2.-ADEGA limitouse a por en coñecemento da fiscalía os feitos e a documentación dun caso, no que ao noso xuízo, había mais que indicios dun delicto de prevaricación.

3.- A ubicación da proxectada piscifatoría de Rinlo, no concello de Ribadeo e a carón do LIC As Catedrais, implicaba unha afección significativa sobre ao estado de conservación de habitats prioritarios da Rede Natura 2000. Asemade, existía, como indicou no seu fallo o TSXG ao anular a DIA, a aprobación do proxecto sectorial e a licenza municipal, risco certo de xerar un dano ambiental irreversiíbel.

4.- Logo de que ADEGA paralisara as obras, dúas sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a consecuencia de senllos recursos contencioso-administrativos presentados por ADEGA, viñeron a demonstrar a aprobación ilegal desta instalación por parte da administración. Resulta evidente que as actuacións de ADEGA neste caso, sempre en defensa do territorio e dos espazos naturais, non foron algo caprichoso. A protección do noso patrimonio natural está consagrada na nosa lexislación e é cada vez máis demandada polo conxunto da sociedade galega. Ditar resolucións presuntamente inxustas, incumprindo os preceptos legais que garanten a conservación dos nosos valores naturais, non pode saír de balde. De momento o Sr. Alvarez-Campana terá que pasar polo xulgado a dar contas perante o xuíz das súas actuacións, que a Fiscalía e ADEGA consideramos delictivas.

5.- O vixente Código Penal nos casos de prevaricación ambiental e urbanística castiga a quen teña informado, adopte o acordo ou resolva sobre un asunto inxustamente e a sabendas, polo que neste caso, de terse cometido un delicto, o Sr. Alvarez-Campana é o responsábel directo. Da lectura das citadas sentenzas despréndese que a postura de ADEGA evitou danos irreparábeis ao espazo protexido, argumento que deixa sen efecto a excusa do imputado de que non se causou ningún dano. Nen neste asunto nen noutros que comprometen á administración polas actuacións en espazpos protexidos, o conselleiro de Medio Ambiente e o de Medio Rural (D.X. de Conservación da Natureza) poden a seguir polo camiño da negación ou do desleixo. Como xa lles dixemos persoalmente teñen que poñerse a “casaca” de protección da natureza.

6.- ADEGA celebra finalmente a Fiscalía Ambiental empece a cumprir decididamente coa súa función de ministerio público e traslade aos xulgados procederes nos que hai argumentos dabondo para seren considerados delictivos. As leis ambientais están para cumprilas, comezando polos propias administracións encarregadas de facelas cumprir e respectar.

7.- Este non é un caso illado, e en ADEGA, fronte ao abandono das responsabilidades na defensa do ambiente que competen ás administracións, imos continuar recurrindo á vía xudicial para facer efectiva protección medio ambiental consagrada na lexislación. ADEGA non quere xudicializar a protección do ambiente e do territorio, mais con actuacións coma esta, o caso de Barreiros, e outros que de seguro xurdirán en breve, non nos queda outra opción.

8.- Polas actuacións concretas no caso de Rinlo e outros similares que de seguro xurdirán a partires de agora, pedimos aos señores Feijóo e Hernández o cese inmediato do Sr. Alvarez-Campana como responsábel de Portos de Galiza.

Finalmente, facemos un chamado á sociedade galega para que non fique calada e saia en defensa do noso territorio do noso patrimonio natural, fronte á impunidade das desfeitas e a complicidade da Xunta.

Exit mobile version