Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta investiu uns 200 mil euros no minicriadeiro de cultivos mariños de O Vicedo

O VICEDO .- A Xunta de Galicia impulsa a reactivación do minicriadeiro de cultivos mariños do Vicedo, outorgándolle un uso mixto que combine o traballo de investigación e tamén a produción de semente para a repoboación de especies con alto valor comercial. A delegada territorial, Raquel Arias, asegurou que nos últimos meses dispúxose un investimento de 185.000 euros para “a dotación de material e de persoal da instalación e relanzar a actividade da mesma”.

Nota de Prensa

A XUNTA INVISTE PRETO DE 200.000 EUROS NA REACTIVACIÓN DO MINICRIADEIRO DE PRODUTOS MARIÑOS DO VICEDO

* A delegada territorial, Raquel Arias, visitou hoxe as instalacións, nas que actualmente se realizan cultivos de ameixa japónica e ourizo de mar

O Vicedo, 21 de abril de 2010.- A Xunta de Galicia impulsa a reactivación do minicriadeiro de cultivos mariños do Vicedo, outorgándolle un uso mixto que combine o traballo de investigación -coordinada co Centro de Investigacións Mariñas de Ribadeo, dependente da Consellería do Mar- e tamén a produción de semente para a repoboación de especies con alto valor comercial.

Así o indicou hoxe a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, quen visitou de novo as instalacións para coñecer o estado no que se atopan actualmente e o nivel de actividade que presentan, logo dunha primeira visita realizada xunto coa conselleira de Mar, Rosa Quintana, na segunda metade do pasado ano. A conselleira comprometérase naquel momento a reactivar de xeito inmediato a instalación. Así, nos últimos meses dispúxose un investimento de 185.000 euros para “a dotación de material e de persoal da instalación e relanzar a actividade da mesma”, segundo expuxo a representante do Executivo galego.

Arias confirmou a disposición do novo equipo da Consellería de Mar a reactivar progresivamente o criadeiro. Neste sentido, destacou “a diversificación como unha das vías de potenciación, buscando a produción de semente de especies como a ameixa ou o ourizo, asegurando o produto nos bancos pesqueiros e o desenvolvemento de investigacións no ámbito mariño”. Así mesmo, evítase a excesiva flutuación do mercado e a correspondente perda de ganancia para o sector.

O minicriadeiro conta actualmente con dous técnicos, que realizan cultivos de ameixa japónica e ourizo de mar con vistas a obter crías tanto para traballos experimentais como para semente.

A delegada territorial explicou que a Consellería de Mar vai seguir apostando por este tipo de instalacións “e pola súa correcta orientación de actividade e dimensionamento acorde coa produción e posibilidades económicas de sostemento”, evitando en cambio “macrocriadeiros inviables que en nada axudan ao sector”.

Arias afirmou que este proxecto é unha proba máis do impulso que a Xunta pretende conferir aos peiraos da Mariña lucense. Portos de Galicia financiou na Confraría de Pescadores do Vicedo proxectos que suman 163.543 euros dende o pasado ano, nalgúns casos obras de mellora como a ampliación dun local para sala de reunión ou a instalación dunha rampla de acceso á cámara.

Na mellora das defensas dos portos de Cariño e O Vicedo investíronse 266.260 euros, e está  pendente de execución outra partida de 175.551 co mesmo fin, así como unha obra que roldará os 40.000 euros para a estabilización dun talud con escolleira na parte traseira de acceso ao peirao do Vicedo.

Por último, o investimento no Grupo de Acción Costeira número 1 entre os anos 2009 e 2010 suman 1.432.088,39 euros. Neste grupo está incluído O Vicedo xunto con outros doce concellos (Valdoviño, Cedeira, Cariño, Ortigueira, Mañón, Viveiro Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo).

A delegada, que estivo acompañada na visita polo xefe territorial de Mar, Vidal Martínez; o alcalde do Vicedo, Jesús Novo, e patrona maior da confraría vicedense, Faustina Solloso, indicou que, en total, os investimentos para esta franxa do litoral superan os 2 millóns de euros. “O propósito –sinalou- é potenciar un sector que resulta básico para a economía da nosa provincia, tratando de mellorar a seguridade e a rendibilidade da actividade pesqueira”, concluíu.

Exit mobile version