Site icon Crónica3.com A Mariña

“A Xunta do PPdeG mobilizou no primeiro ano de goberno un investimento superior a 87 millóns” aseguran parlamentarios populares

Nota de Prensa

A cifra de actuacións e servizos adxudicados, licitados ou comprometidos polo Goberno que lidera Alberto Núñez Feijóo  aproxímase en tan só un ano ao 80% do investimento real que o bipartito mobilizou en toda a lexislatura

A XUNTA DO  PPdeG MOBILIZOU NO PRIMEIRO ANO DE GOBERNO UN INVESTIMENTO SUPERIOR A 87 MILLÓNS DE EUROS EN BENEFICIO DA MARIÑA LUCENSE

* A maior parte do esforzo inversor concentrouse en materia de infraestruturas  (adxudicación e licitación de obras en estradas de titularidade autonómica) e medio ambiente (saneamento e abastecemento)

* Como actuacións de maior orzamento están a adxudicación do primeiro treito lucense do corredor (Celeiro-San Ciprián) con 32 M€, a duplicación da tripulación do helicóptero Pesca 2 e adaptación da base de Celeiro con 7 M€, os 2,7 M€ para os obradoiros de emprego e os máis de 300.000 que Medio Rural inviste en convenios cos concellos  para amañar camiños rurais.

* O PPdeG na Xunta adxudicou o polígono industrial de Ladrove, por 4,9 M€,  licitou varias obras de mellora no Hospital que duplican o investimento do  bipartito e comprometeu 2 M€ entre a participación no consorcio de bombeiros e licitación do parque contraincendios sito en Viveiro

Santiago, 16 de abril de 2010.- Os deputados populares José Manuel Balseiro Orol e Emma Álvarez Chao veñen de facer un balance no día de hoxe do primeiro ano de Goberno de Alberto Núñez Feijoo e a súa incidencia na nosa comarca. Ambos parlamentarios cuantificaron en 87 millóns de euros o investimento mobilizado pola Xunta do PPdeG en obras, servizos e outras actuacións, un dato que se obtén sumando o investimento adxudicado ao licitado nestes primeiros 365 días de xestión dos populares.

En termos comparativos, Balseiro Orol e Álvarez Chao subliñaron que a cifra acadada aproxímase en tan só un ano ao 80% do investimento presupostado polo bipartito en toda a lexislatura para a Mariña lucense, “e xa non entramos a comparalo coas cifras de execución real de PSOE e BNG no Goberno que foron mínimas”.

“Estamos orgullosos de pertencer a un partido que demostra a diario que desde a  responsabilidade de Goberno é posible facer unha aposta decidida pola Mariña, investindo no futuro da nosa comarca, facéndoa protagonista das decisións do equipo que lidera Alberto Núez Feijóo” –afirmaron ambos deputados na súa comparecencia en rolda de prensa.

O principal esforzo no investimento da Xunta do PPdeG concentrouse no departamento autonómico que dirixe Agustín Hernandez e, polo tanto, en obras en materia de medio ambiente –abastecemento e saneamento- e infraestruturas –estradas de titularidade autonómica-, “dus dos ámbitos nos que máis se evidenciaba o esquecemento do bipartito, e que requirían actuacións urxentes”

INFRAESTRUTURAS

Así, por exemplo, foi o Goberno de Alberto Núñez Feijóo quen adxudicou o primeiro treito lucense da VAP da Costa  Norte, o correspondente ao treito Celeiro San Ciprián, no que a día de hoxe se están a levar a cabo os traballos de desmonte. O importe  desta actuación, adxudicada no mes de xullo, foi de 32,3 M€. Forman parte do balance tamén as adxudicacións das obras de mellora e adaptación da Lu-125 (Bretoña-Lindin) e Lu-122 (Paraxes-Lourenzá) que supoñen un investimento de 2,5 e 3 M€ respectivamente. O Goberno do PPdeG tamén gastou 231.848 euros nas obras de acondicionamento (ampliación do firme) do treito entre Pozomouro e A Espiñeira (Barreiros-Foz) da LU-642.

Segundo explicaron os deputados populares, a Xunta neste primeiro ano tamén executou melloras localizadas no firme, reparacións do drenaxe e  repintado de marcas viáis na Lu-151 (231.426 €), Lu-161 (231.848 €) e a rehabilitación do firme nas travesías Vilamartín-Cubelas (229.851 €) e Ritorto-Vilameá (231.361 €). Destacan tamén a execución de emerxencia das obras para o sostemento e estabilización do noiro na estrada principal de acceso a Viveiro, desde Xove,  despois de que se produxeran varios desprendementos (379.070 €)

Recentemente, o Goberno do PPdeG tamén licitou a rehabilitación do firme e medidas para a mellora da seguridade viaria na LU-612 entre Ferreira do Valadouro e Cangas de Foz (2,1 M€) e para a dotación de beirarrúas e mellora do pavimento da Lu-152 ao seu paso  polo Valadouro (1,02 M €)

No ámbito do solo industrial, os deputados do PPdeG salientaron os 4,9 M€ da adxudicación das obras de urbanización do parque de Landrove  (Viveiro), así como os 93.046 euros que a Xunta destinou aos traballos técnicos de redación do polígono Alfoz-O Valadouro. Tamén executouse unha partida de 177.261 euros para obras de creación dunha pista de paddel e aparcadoiro de vehículos pesados no polígono de Cuiña.

SANIDADE

No referente ao Hospital da Costa, os parlamentarios salientaron que só a licitación urxente das obras na cuberta, rampla de acceso, unidade de farmacia e arquivo deste centro, por valor de 615.400 euros é máis que o investido polo bipartito na pasada lexislatura. Tamén salientaron o 793.703 euros previstos para a reforma da planta de maternidade –licitada polo bipartito pero que adxudicará e executará o PPdeG- e varias reformas na área de urxencias, como a ampliación da sala de espera, adaptación de espazos e mellora en equipamentos, para o que se mobilizou 22.300 euros.

MAR

A nova Consellería do Mar tamén centrou o seu esforzo na nosa comarca, ao achegar 7 millóns de euros para a dotación dunha segunda tripulación ao helicóptero Pesca 2 así como para as obras de adaptación da base de Celeiro ás  novas gardas permanentes. 2 M€ máis o departamento que dirixe Rosa Quintana achegou a través de Portos de Galicia para a mellora das instalacións eléctricas, licitou por 940.618 euros o aumento da cota no peirao comercial de Ribadeo e dedicou 549.000 euros á construción dun almacén en Mirasol e reposición das naves danadas polo temporal.

AUGAS

No tocante ás obras hidráulicas os deputados quixeron salientar os compromisos acadados polo Consello da xunta para o financiamento da mellora do abastecemento en Foz (1,9 M€) e as obras de construción de colectores e da estación depuradora de augas residuais en Cervo (1,7 M€)

EMERXENCIAS

Tamén quixeron destacar os deputados na súa comparecencia as achegas que a Xunta desenvolveu para o financiamento do orzamento desde ano no Consorcio Provincial de Bombeiros (1 M€), a licitación do parque comarcal que se situará en Viveiro (945.643 euros) e os 1,5 M€ que ata  o momento a Xunta destinou aos servizos de GRUMIR e socorrismo de praias

BENESTAR E TRABALLO

No ámbito do benestar os populares salientaron os 120.000 euros destinado á apertura da Escola Infantil de Foz (dotación do mobiliario), os 110.000 euros achegados para repoñer a cuberta da Escola Infantil de Burela (actuación que o bipartito deixou pendente) e os 58.900 que investiu na redación do proxecto de Centro de Día e Residencia de San Ciprián.

O Goberno de Feijoo nestes primeiros 365 días tamén achegou 2,7 millóns de euros para o financiamento das Escolas Obradoiros en varios concellos da  nosa comarca así como tamén comprometu 400.000 para o traslado e obras de adaptación das novas oficinas de emprego de Ribadeo e Mondoñedo, que abrirán as portas en  maio.

VIVEIRO E BARREIROS

No ámbito dos compromisos adoptados polo Consello da Xunta, Álvarez Chao e Balseiro Orol non se esqueceron de salientar o 1,2 M€ do convenio para as melloras  das infraestruturas urbanas –obras diversas- no concello de Viveiro, e o convenio entre a Xunta, a Deputación provincial e o concello para obras de abastecemento, urbanizzción e saneamento en Barreiros (5,6 M€)

OUTRAS ACTUACIÓNS

Finalmente, os deputados do PPdeG fixeron unha mención ás principais actuacións desenvolvidas neste primeiro ano de Goberno pero que non poden ser cuantificadas dun xeito económico. Así, por exemplo, falaron da recuperación do proxecto de creación do cinto industrial de Alcoa, anulado polo bipartito, e que a nova Xunta do PPdeG incluíu na redación do Plan Sectorial de Parques Industriais; a elaboración por parte de Portos de Galicia do informe de viabilidade económica, técnica e financeira para a apertura do dique norte de Morás ao  tráfico comercial xeral; a nova bolsa para a cobertura e substitución de médicos forenses no Hospital da Costa; o operativo especial con brigadas conxuntas Gardacostas-Policía na loita contra o furtivismo; o apoio loxístico á flota boniteira e recuperación das campañas de promoción deste túnido; a redución das taxas portuarias, así como a oferta  feita por Portos de Galicia á empresa ENCE para que continúe empregando o porto de Mirasol; as xestións para ultimar a apertura da residencia para persoas maiores de Viveiro con prazas sostidas ao 100% con fondos públicos; o proxecto de dragado do encoro de Lourenzá; o proxecto para a apertura e posta en valor da fortaleza de Tovar; e os  convenios  da Xunta cos concellos para asumir o mantemento dos centros de saúde

Para os deputados, estas accións supoñen a materialización do compromiso dun partido, o PPdeG, hoxe  no Goberno, de que “a Mariña lucense sexa protagonista destacada do seu esforzo inversor nestes primeiros 365 días”, algo que  fará “ao longo da lexislatura, conscientes de que hai moito traballo por  facer e que corresponde apostar por unha das comarcas máis puxantes de Lugo e de Galicia, inxustamente discriminada ata o de agora”, concluíron os deputados populares.

Exit mobile version