Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta desbloquea o desenvolvemento da rede secundaria de gas natural en Viveiro, Burela e Foz

SANTIAGO .-  Unha trintena de localidades entre as que se atopan  Burela, Foz, Monforte, Sarria e Viveiro na provincia de Lugo están afectadas pola decisión adoptada pola Concellería de Economía en Industria de desbloquear o desenvolvemento da rede secundaria de gas natural. A primaria que corresponde ao goberno do Estado non adxudicou o gasoduto da Mariña.

Nota de Prensa

ECONOMÍA E INDUSTRIA DESBLOQUEA O DESENVOLVEMENTO DAS REDES DE DISTRIBUCIÓN DE GAS PARA BENEFICIAR O TECIDO EMPRESARIAL E OS CIDADÁNS DE GALICIA

?? O Consello da Xunta dá o seu visto e prace ao decreto elaborado pola consellería que dirixe Javier Guerra e que regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de GLP

?? O Decreto, o primeiro das súas características que se desenvolve en España, permitirá superar a parálise anterior herdada, e recuperar o desenvolvemento das redes de distribución gasistas no noso territorio, co conseguinte beneficio para o tecido empresarial e os cidadáns de Galicia

?? Este Decreto coincide co obxectivo da Xunta, que non é outro que dentro do marco da planificación enerxética, traballar para a creación dunha infraestrutura de transporte e distribución de gas que actúe como factor de competitividade para o noso tecido empresarial e outorgue calidade de vida para a cidadanía galega

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace ao Decreto elaborado pola Consellería de Economía e Industria polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de GLP.

Este Decreto, o primeiro das súas características que se desenvolve en España, sitúa a Galicia á vangarda, permitirá superar a parálise anterior herdada e recuperar o desenvolvemento das redes de distribución gasistas no noso territorio, co conseguinte beneficio para o tecido empresarial e os cidadáns de Galicia.

Deste xeito, o Goberno da Xunta senta as bases para resolver, dunha vez por todas, un problema derivado do desenvolvemento na distribución de GLP e gas natural, que trouxo consigo a aparición de novas empresas distribuidoras interesadas na gasificación de certas zonas do noso territorio, o que fai preciso regular a forma de resolución no suposto de concorrencia de varias solicitudes de autorización administrativa para as mesmas instalacións.

O decreto que autoriza o Consello da Xunta desenvolve o real decreto que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural e GLP, porque establece unha forma de resolución no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización.

Con base nesta situación, o decreto elaborado pola Consellería de Economía e Industria regula o trámite de competencia e os criterios de valoración que se van ter en conta no suposto de concorrencia de solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de GLP.

Estes criterios contan co beneplácito do Consello Consultivo de Galicia, e fan referencia aos gasodutos de transporte secundario e os ramais de distribución de gas natural, as redes de distribución de gas natural e as redes de distribución para GLP.

En canto aos criterios de valoración para gasodutos de transporte secundario e ramais de distribución de gas natural, que son os que conectan coas redes de distribución nos núcleos de poboación, destacan os de ser titular de autorizacións administrativas, precisamente, de redes de distribución ás que se vaian conectar, a idoneidade do trazado, as características técnicas do proxecto, o prazo d e execución e o orzamento.

No canto das redes de distribución de gas natural, que son as que están nos núcleos de poboación, valorarase ser titular de autorizacións administrativas de redes de distribución en vilas próximas, o prazo de inicio da subministración, a extensión da rede, o orzamento, e a solución técnica adoptada, entre outros.

Pola súa banda, os criterios de valoración para redes de distribución de GLP, que deberán deseñarse e construírse de xeito que resulten compatibles para a distribución de gas natural, valorarán ser titular de autorizacións administrativas de redes de distribución de GLP en núcleos de poboación próximos, o prazo de inicio da subministración, a extensión da rede, o orzamento, e a solución técnica adoptada.

Este Decreto coincide co obxectivo da Xunta, que non é outro que dentro do marco da planificación enerxética, traballar para a creación dunha infraestrutura de transporte e distribución de gas que actúe como factor de competitividade para o noso tecido empresarial e outorgue calidade de vida para a cidadanía galega. Para acadar este obxectivo, a Consellería de Economía e Industria asume que cómpre garantir a subministración de gas canalizado ao maior número posible de núcleos de poboación de Galicia.

Exit mobile version