SANTIAGO.- O consello da Xunta acordou investir 1.250.00 euros nas infraestruturas urbanas de Viveiro, facer un convenio de colaboración coa Deputación e o concello de Barreiros para dotar de servizos mínimos os núcleos de San Cosme, San Pedro e San Miguel de Reinante. Pola súa banda Augas de Galicia fará unha depuradora e colectores para o saneamento da Sanra, en Cervo.
NOTA DE PRENSA:
medio ambiente investirá 1.250.000 euros nas infraestruturas urbanas do concello de viveiro
§ As obras consistirán en sete actuacións, tres no propio núcleo urbano de Viveiro e outras catro nas parroquias de Celeiro, Galdo, Pallaregas- Covas e Celeiriño
§ Esta actuación ten por finalidade racionalizar o crecemento dos asentamentos e das actividades comerciais, así como mellorar a calidade de vida dos habitantes do Concello
§ O prazo para a finalización das obras remata o 31 de decembro de 2011
O Consello da Xunta aprobou hoxe o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Deputación de Lugo e o Concello de Viveiro para as melloras das infraestruturas e os equipamentos urbanos neste municipio. Medio Ambiente destinará 1.250.000 euros a este proxecto, distribuídos en dúas anualidades; 600.000 euros no presente ano e 650.000 no vindeiro 2011. As obras serán executadas pola Deputación.
As sete actuacións que se enmarcan dentro deste proxecto terán por finalidade racionalizar o crecemento dos asentamentos e das actividades comercias, así como mellorar a calidade de vida dos habitantes do concello. Concretamente, as obras levaranse a cabo no propio núcleo urbano de Viveiro e nas parroquias de Celeiro, Galdo, Pallaregas- Covas e Celeiriño.
Obras no núcleo urbano de Viveiro
No núcleo urbano de Viveiro faranse tres actuacións de grande importancia. A primeira será no núcleo histórico da vila, na rúa Irmáns Vilar Ponte, fronte á igrexa de Santa María. A obra consistirá na rehabilitación da cuberta do patio interior, así coma o interior das dúas plantas dun edificio de titularidade municipal. O investimento será de 150.000 euros.
Outra das actuacións será na estrada de Xunqueira a Magazos, que dá acceso ao núcleo histórico de Viveiro. O crecemento da poboación de Xunqueira fixo que os servizos urbanos quedasen obsoletos, polo que é necesario uniformar o pavimento das beirarrúas, mellorar o mobiliario urbano e a reposición das luminarias. A mellora do pavimento das beirarrúas permitirá o acceso das persoas con discapacidade física, e a reposición das luminarias posibilitará reducir o consumo enerxético adoptando bombillas de baixo consumo. O investimento para esta actuación será de 300.000 euros.
Por último, Medio Ambiente destinará 100.000 euros ao acondicionamento e mellora da 2º planta do Conservatorio Municipal de Viveiro. A construción consta de planta baixa e tres plantas máis cunha superficie de 400 metros cadrados cada unha. Con esta obra mellorarase o pavimento de madeira substituíndoo por outro novo, farase un falso teito, repoñeranse as portas das aulas e sanearase a instalación eléctrica así como as ventás da fachada.
Obras nas parroquias de Celeiro, Galdo, Pallaregas- Covas e Celeiriño
Na parroquia de Celeiro levarase a cabo a creación dun novo campo de fútbol para o desfrute dos cidadáns. O lugar elixido para este proxecto atópase nun predio de 32.000 metros cadrados, no lugar de Lavandeiras. O importe destinado será de 200.000 euros.
Os habitantes da parroquia de Galdo beneficiaranse da mellora da súa rede de saneamento, instalando novos colectores que poidan abastecer a dispersa poboación do lugar e que eviten as verteduras incontroladas provocadas pola deficiente instalación actual. O custo dos novos colectores será de 150.000 euros.
En Pallaregas, parroquia de Covas, levarase a cabo a ampliación da rede de sumidoiros xa que non dá abasto co crecemento de novas edificacións e vivendas unifamiliares nos últimos anos. O importe da actuación será de 100.000 euros.
En Celeiriño as obras irán encamiñadas a rexenerar o ámbito urbano, xa que as vivendas que o conforman teñen unha singularidade especial. Ademais, acometeranse melloras na rede de saneamento, abastecemento de auga e subministración eléctrica. O investimento nesta parroquia será de 250.000 euros.
Obrigas das administracións
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas financiará a actuación cunha achega total de 1.250.000 euros repartidos en dúas anualidades, unha de 600.000 neste ano e outra o vindeiro 2011 de 650.000 euros. Ademais, poderá inspeccionar as obras en calquera momento.
A Deputación Provincial de Lugo procederá á execución, contratación, dirección e control das obras, así como ás achegas que sexa preciso fornecer a maiores, que serán compatibles coa partida da Xunta de Galicia. Terá, ademais, a obriga de presentar os xustificantes que acrediten o gasto e a recepción das obras rematadas. Así mesmo deberá comunicar as subvencións recibidas doutras entidades tanto privadas como públicas.
O Concello de Viveiro deberá proporcionar os proxectos técnicos das obras, obter as autorizacións e os permisos necesarios, así como asumir os custos que sexan precisos para resolver estes trámites.
O convenio rematará o vindeiro 31 de decembro do 2011. Establecerase, por último, unha Comisión de Seguimento das obras formada por un representante de cada unha das administracións.
O CONSELLO APROBA UN CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE XUNTA, DEPUTACIÓN E CONCELLO DE BARREIROS PARA DOTAR DE SERVIZOS MÍNIMOS OS NÚCLEOS DE SAN COSME, SAN PEDRO, SAN MIGUEL DE REINANTE E REINANTE
§ Con este acordo, as administracións implicadas establecen as bases para planificar, proxectar, financiar e executar os proxectos de urbanización, abastecemento e saneamento destes núcleos
§ Medio Ambiente, Augas de Galicia, Deputación de Lugo e o Concello de Barreiros investirán máis de 14 millóns de euros para levar a cabo os traballos necesarios
§ A achega do Goberno galego inscríbese nas actuacións de dotación de equipamentos que a Xunta está a realizar nos concellos de Galicia
§ A Xunta de Galicia e a Deputación Provincial xa teñen concretada unha parte da súa achega para este mesmo ano, e rematarán os investimentos no ano 2013. Pola súa banda, o concello de Barreiros empezará as súas achegas no exercicio 2011
O Consello da Xunta autorizou na súa reunión de hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Barreiros para financiar e executar os proxectos de urbanización, abastecemento e saneamento que proporcionen aos veciños de San Cosme, San Pedro, San Miguel de Reinante e Reinante os servizos básicos necesarios para o desenvolvemento da súa vida diaria.
Esta actuación suporá un investimento de máis de 14 millóns de euros, dos cales 5,6 serán proporcionados pola Xunta; 1,2 pola Deputación Provincial e 7,2 millóns de euros polo Concello de Barreiros. Con base neste convenio articularase un procedemento administrativo que proporcionará a Barreiros as infraestruturas suficientes ás que os seus cidadáns teñen dereito e que garantirán o crecemento sustentable e ordenado deste concello. A Xunta de Galicia e a Deputación Provincial xa teñen concretada unha parte da súa aportación para este mesmo ano, e rematarán os investimentos no ano 2013. Pola súa banda, o concello de Barreiros empezará as súas achegas no exercicio 2011.
A achega do Goberno Galego inscríbese nas actuacións de dotación de equipamentos que a Xunta está a realizar nos concellos de Galicia.
Actuacións concretas
Con este convenio procederase á urbanización, abastecemento e saneamento dos núcleos urbanos de San Cosme, San Pedro, San Miguel de Reinante e Reinante. Concretamente, preséntanse os seguintes equipamentos:
San Cosme
| · 1.675 ml de rede de saneamento · Ampliación da depuradora de San Cosme en 2000 h-e. · 5.286 ml de rede de abastecemento · Urbanización (calzada e beirarrúas)
|
San Pedro | · 526 ml de rede de saneamento · 2.388 ml de rede de abastecemento · Urbanización (calzada e beirarrúas)
|
San Miguel | · 3.379 ml de rede de saneamento · Nova depuradora de 6.000 h-e · 3.090 ml de rede de abastecemento · Urbanización (calzada e beirarrúas)
|
Reinante | · 163 ml de rede de saneamento · 2.122 ml de rede de abastecemento · Urbanización (calzada e beirarrúas)
|
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Deputación de Lugo e o Concello de Barreiros acordaron ademais promover un Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal como vía máis axeitada de planificación territorial para solucionar o urbanismo neste concello da Mariña lucense e realizar as obras citadas.
As tres administracións pretenden, con esta medida, executar un procedemento administrativo que mellore o solo urbano existente, para dotalo das infraestruturas suficientes e así despexar toda dúbida sobre a súa aptitude como soporte á edificación residencial proxectada.
O plan sectorial terá como obxecto establecer as condicións xerais para o desenvolvemento posterior da urbanización a través de catro proxectos sectoriais correspondentes aos catro núcleos urbanos antes mencionados. Deste xeito, presentarase unha actuación concreta e determinada para cada núcleo, cun nivel de detalle propio dos proxectos de urbanización.
Situación urbanística de Barreiros
As Normas subsidiarias do Concello de Barreiros aprobáronse en outubro de 1994, polo que non están adaptadas á vixente lexislación urbanística e non establecen distinción entre as categorías do solo urbano consolidado e non consolidado.
A gran actividade edificatoria dos últimos anos e a insuficiencia de servizos nos núcleos urbanos (redes de saneamento e depuración de augas residuais, abastecemento de auga, potencia na subministración de enerxía eléctrica) determinaron que o Consello da Xunta de Galicia -por Decreto 15/2007, do 1 de febreiro-, suspendese a vixencia desas normas subsidiarias e aprobase unha ordenación urbanística provisional ata a entrada en vigor dun PXOM acorde coa lexislación vixente
AUGAS DE GALICIA INVISTE 465.000 EUROS NA EXECUCIÓN DUNHA DEPURADORA E COLECTORES PARA A MELLORA DO SANEAMENTO DA SENRA, EN CERVO
§ As obras, cun prazo de execución de 6 meses, benefician un total de 300 habitantes
§ Os traballos consisten na construción dunha rede separativa na localidade da Senra e dunha planta depuradora de augas residuais para o anterior núcleo e tamén para A Pena
§ Os fins primordiais destas actuacións son proporcionar mellores condicións de vida aos cidadáns e fomentar o desenvolvemento económico dos municipios galegos
O Consello da Xunta aprobou esta mañá un convenio de colaboración técnico- financeira entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Cervo para a execución das obras de saneamento no núcleo da Senra.
O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, realiza unha achega económica de máis de 465.000 euros distribuídos en dúas anualidades; corresponde unha achega de 265.000 euros no presente 2010, e 200.000 euros no vindeiro 2011. Isto supón que a Xunta de Galicia financia o 100% do proxecto hidráulico.
O departamento que dirixe Agustín Hernández, mediante estes investimentos, pretende resolver as carencias en infraestruturas en concellos que teñen un orzamento insuficiente para financialas. Así, proporciona mellores condicións de vida aos habitantes e fomenta o desenvolvemento económico dos municipios galegos. Neste caso, os cidadáns directamente beneficiados son os 300 veciños do núcleo de A Senra.
Actuacións
As obras obxecto da citada proposta consisten na construción dunha rede separativa na Senra e dunha planta depuradora de augas residuais para o anterior núcleo e tamén para A Pena. As actuacións recollen a instalación de colectores por gravidade, formando unha rede separativa de 2.875 m de colectores de PVC para levar as augas residuais da Senra ata a depuradora principal. Esta depuradora tamén se proxecta para recibir as augas da localidade da Pena, que actualmente carece de saneamento.
A depuradora localizarase na marxe do rego de Senra, e verterá a un regato a través dunha tubaxe. Trátase dun modelo soterrado con capacidade para 300 habitantes e cunha arqueta na entrada. A depuración realízase por oxidación- decantación con recirculación de fangos e pozo de rexistro posterior para a toma de mostras do efluente depurado. A retirada de fangos prevese cada 6 ou 7 meses aproximadamente. Ademais, a parcela dotarase dun peche perimetral de malla galvanizada de 2 m de altura.
Por outra parte, colocarase unha depuradora unifamiliar e debido é excesiva separación dunha vivenda respecto ao colector xeral proxectado, instalarase para ela unha fosa séptica compacta. Tamén se inclúe no proxecto a reposición dos servizos e pavimentos afectados polas obras.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas establece un prazo de execución dos traballos de seis meses aproximadamente.