Site icon Crónica3.com A Mariña

A xerente do Sergas mantén en entretido o futuro da area sanitaria de A Mariña, asegura o BNG

Nota de Prensa

EN RESPOSTA AO BNG, A XERENTE DO SERGAS MANTÉN EN ENTREDITO O FUTURO DAS ÁREAS SANITARIAS DE MONFOTE, A MARIÑA, VALDEORRAS E O SALNÉS

Ana Luisa Bouza preguntoulle até 3 veces, sen obter resposta, á xerente do SERGAS se estas áreas van ter xerencia integrada propia ou van depender de Lugo, Ourense e Pontevedra

Santiago de Compostela, 29 abril 2010.- A Consellaría de Sanidade confirmou esta mañá que o futuro das áreas sanitarias de Monforte, A Mariña, Valdeorras e O Salnés está en entredito.

A directora xerente do SERGAS, Rocío Mosquera Álvarez, compareceu esta maña na Comisión de Sanidade do Parlamento Galego para informar sobre o novo sistema de xestión integrada das áreas sanitarias, que integrará as áreas de atención primaria e atención especializada.

A portavoz de sanidade do BNG, Ana Luisa Bouza, aproveitou para preguntarlle até tres veces que aclarase o futuro das áreas sanitarias de Monforte, A Mariña, Valdeorras e O Salnés.

“Queremos que nos aclare se estas áreas van ter un xerente executivo dependente de Lugo, Ourense e Pontevedra, respectivamente, ou van continuar como áreas sanitarias propias, converténdoas en áreas de xestión integrada que integren tanto a atención primaria como a hospitalaria”, inquiriu a deputada nacionalista.

“Deixen de xogar á confusión cos cidadáns e aclaren se van continuar como áreas sanitarias propias ou non, porque se nos din que si estou segura de os miles de habitantes destas comarcas que están moi preocupados por este tema abandonarán as mobilizacións”.

Porén, a resposta da directora xerente do SERGAS: “eu non xestiono o territorio, só nos preocupa mellorar a calidade da asistencia sanitaria”.

Para a deputada do BNG a negativa da representante da Consellaría de Sanidade e definir cal vai ser o modelo alternativo ás áreas sanitarias de Monforte, A Mariña, Valdeorras e O Salnés “fainos entender que o futuro destas áreas sanitarias queda en entredito”.

Ademais, Ana Luisa Bouza critica que “o Partido Popular diga que se está enganando á xente con este tema, cando os que enganan son vostedes, que manteñen a confusión de forma deliberada, dicindo nesas comarcas que se manteñen e no Parlamento, como vimos hoxe, a representante do SERGAS desminte iso e non garante para nada que estas áreas sanitarias vaian manterse”.

“A xente vive nun territorio, con problemas para desprazarse, e iso tamén debe preocuparlle ao Goberno do PP”

Por outra parte, Ana Luisa Bouza, amosa a súa preocupación porque “a xerente do SERGAS insista en que o territorio non lle interesa”. “Aos galegos e galegas si lles interesa, porque viven nun territorio, con moitos problemas de falta de infraestruturas, con moita xente maior con problemas de mobilidade que tería moitas dificultades para desprazarse por exemplo dende O Barco a Ourense ou dende A Mariña á cidade de Lugo”, subliñou a deputada nacionalista.

Por último, a deputada do BNG criticou que a posta en marcha das áreas de xestión integrada, das que xa están en marcha as de Santiago e a da Coruña, “se faga sen ter aínda uns datos obxectivos que permitan avaliar o proxecto experimental de área de xestión integrada de Ferrol, e polo tanto sen ter datos concluíntes de que este modelo vaia mellorar a atención sanitaria”.

Exit mobile version