Site icon Crónica3.com A Mariña

A tenente de alcalde de Burela ve a emisora municipal como unha canle das inquedanzas dos veciños

BURELA (FNC) .-. A tenente de alcalde, Neves Cando, asegura que a emisora municipal suporá un canle de transmisión e comunicación das inquedanzas dos veciños, das veciñas, dos colectivos e das asociacións de Burela. A edil nacionalista acusa ao PP de mentir porque no primeiro ano de vida a emisora terá un custe cero para o Concello.

Neves Cando explica que “dende o equipo de goberno do Concello de Burela imos propoñer para aprobar no pleno de hoxe a creación dunha radio municipal así como o regulamento interno do seu funcionamento, requisitos pedidos pola Xunta de Galicia cando iniciamos os trámites para poñer en marcha este servizo”.

A concelleira nacionalista asegura que “se trata de poñer en marcha unha emisora local que sirva de comunicación entre os veciños e as veciñas de Burela, que estimule a participación cidadá na vida municipal e que promocione a música, a cultura, o deporte, a arte en xeral en todas as súas facetas con programas nos que participen as distintas asociacións e colectivos do concello de Burela. Ese é noso obxectivo e a nosa finalidade e para organizalo todo propoñemos un regulamento de funcionamento, onde un consello asesor, formado por representantes de todos os grupos políticos e tamén polas asociacións de veciños, culturais e deportivas de Burela, prepare un deseño de programación que despois aprobará o pleno da Corporación, que vai ser quen teña, como así o marca a lei, o control da emisora municipal. Éste é o noso propósito e a nosa intención e quen non o vexa así é que non se entera ben das cousas ou que non se quere enterar”.

Cando segue a relatar que “levamos 2 anos traballando no tema para solventar problemas técnicos coa antena de emisión e para facer unha proposta que supoña custo cero para o Concello de Burela e iso é o que vai pasar. Durante o primeiro ano de vida da emisora municipal o custe para Burela será cero posto que o persoal e o material serán asumidos pola Asociación de Emisoras Municipais Galegas, unha entidade creada no ano 1988 que ten como obxectivo o asesoramento ás Corporacións locais en materia de radio e televisión municipal así como a colaboración e coordinación de iniciativas para mellorar a calidade das emisoras dos Concellos e á que están adheridas Concellos galegos de todas as cores políticas desde o PP ata o BNG. E a partir deste primeiro ano cando vexamos os resultados da emisora municipal xa veremos si continuamos ou non con este sistema e xa artellaremos as medidas necesarias para continuar”.

A tenente de alcalde acusa ao PP de mentir “e tenta confundir aos veciños e veciñas de Burela dicindo que nos vai costar 50.000 euros, minten e falan por falar con tal de protestar por todo. O que ten que dicir o PP aos veciños e veciñas de Burela é por qué non quere que teñamos unha emisora municipal a custe cero para que as asociacións, os colectivos, a mocidade, o deporte, os nosos maiores e as mulleres poidan ter unha canle de comunicación e transmisión das súas inquedanzas e dos seus traballos, algo polo que dende que empezamos a traballar neste tema xa se interesaron asociacións e colectivos do noso concello”

Exit mobile version