Site icon Crónica3.com A Mariña

A rotura dunha tubeira cortou o subministro de auga e asolagou un tramo da vía de FEVE en San Cibrao

CERVO .- A rotura dun tramo da rede de subministro de auga na avenida da Veiga, en San Cibrao, provocou que o subministro de auga aos domicilios da zona se vira interrompido. Ao tempo formouse un asolagamento nun tramo da vía de FEVE. A brigada municipal de obras solventou a avaría.

Nota de Prensa

A BRIGADA MUNICIPAL DE OBRAS SOLVENTA UNHA ROTURA DE AUGA QUE OCASIONOU ASOLAGAMENTOS NA VÍA DE FEVE

Cervo, 29 Abril de 2010.- Ao redor das doce da noite desta pasada madrugada a brigada de Obras municipal e os Servizos de Emerxencia do Concello de Cervo (Policía local e Protección Civil) e da Garda Civil mobilizáronse para solventar os desperfectos ocasionados pola rotura dun tramo da rede de subministro de auga na Avenida da Veiga, no núcleo de poboación de San Cirpián.

Segundo sinalou o alcalde, Alfonso Villares -o cal estivo tamén presente no lugar do sucedido-, a rotura dunha tubaxe de fibrocemento provocou que o subministro de auga aos domicilios da zona se vira interrompido, ao tempo que formou un asolagamento nun tramo da vía de FEVE.

A proximidade da vía do tren ao lugar da rotura (apenas 3 metros) motivou que o propio alcalde se puxera en contacto a través do 112 con FEVE para informarse das  previsións de paso dalgún convoy de transporte ou de mantemento pola vía “co obxecto de garantir a integridade e a seguridade dos traballadores municipais”, sinalou.

“Unha vez  que nos aseguramos que non ía a pasar ningún tren ata as seis e media da mañá os operarios municipais iniciaron os traballos de substitución do tramo roto e a tubaxe quedou finalmente reparada en torno ás tres e media da mañá” indicou Villares. Neste sentido o alcalde quixo salientar a labor dos membros da brigada de Obras municipal, “os cales traballaron arreo para restablecer o subministro e isto é algo digno de mención” indicou.

Por último, Villares lembrou que o tramo de tubaxe no que se produciu a avaría é un dos poucos da antiga rede de fibrocemento que aínda quedan en servizo en San Ciprián e recordou tamén que nos vindeiros días está previsto que dean comezo os traballos de mellora e substitución destas tubaxes antigas, os cales están valorados en preto de 210.000 euros. “Precisamente hai un par de días que os técnicos de Augas de Galicia e da empresa adxudicataria estiveron no concello para programar o inicio destes traballos” recalcou o rexedor.

Exit mobile version