Nota de Prensa
O BNG DE FOZ CONSIGUE A EXENCIÓN PARA OS DESEMPREGADOS NAS PROBAS SELECTIVAS DO CONCELLO
“É primordial facilitar o acceso ao emprego eliminando as barreiras económicas” afirma Basanta
Foz, 28 de abril de 2010.- O BNG presentou unha moción para aprobar en pleno na que se solicita modificar a Ordenanza da taxa por expedición de documentos no apartado de participación en procesos selectivos. A proposta do BNG por un lado trata de reducir a cota tributaria que teñen que pagar todos aqueles que se presentan a ofertas públicas de emprego. O BNG propuxo reducir en 15 euros dita taxa para participar nos procesos selectivos que ao final quedou en 10 euros a proposta do grupo socialista. Por outro lado, e o que cobra maior importancia dentro da proposta, é que os desempregados quedarían exentos de pagar ningún tipo de taxa.
Entre os argumentos defendidos polo BNG na comisión informativa está que as administracións públicas deben potenciar e promover nestes momentos difíciles a creación de emprego e facilitar todo o posible o acceso ao mesmo. Estamos diante dunha crise económica que sobre todo afecta ás clases traballadoras do noso país. Unha das maiores preocupacións sociais que existe é o número elevado de persoas desempregadas e en busca de emprego. Partindo desta premisa para o BNG é un feito que diante destas circunstancias as actuais taxas polos dereitos de exame na participación de procesos selectivos no noso Concello son excesivas sobre todo se temos en conta que a maioría das persoas que se presentan as ofertas de emprego son desempregadas. Estas taxas supoñen para moitas persoas un gran esforzo e practicamente imposibilita que se poidan presentar a varias ofertas á vez. O BNG sempre defendeu que baixo ningún punto de vista o aspecto económico non debe ser determinante á hora de presentarse a unha oferta de emprego público e acceder a un posto de traballo.
Así mesmo, existen unha serie de colectivos –minusválidos, membros de familias numerosas, desempregados/as- que non poden pagar ditas taxas, coartando e dificultando o criterio constitucional de igualdade de oportunidades á hora de acceder a un posto de traballo, e que polo tanto, deberían ter algún tipo de exención ou bonificación. Por este motivo, o BNG propón adaptar a ordenanza a estas situacións, como xa se fai na administración autonómica onde ditos colectivos están exentos de pagar as taxas de exame. Unha vez aprobada esta modificación, significaría que estarán exentos do pagamento dos dereitos de exame na participación en procesos selectivos de persoal, logo de xustificalo documentalmente:
1. As persoas con minusvalidez igual ou superior ao 33%.
2. As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. No caso de membros de categoría xeral, terán unha bonificación do 50%.
3. As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os tres meses anteriores á data de convocatoria de probas selectivas de persoal convocadas para a selección de persoal do Concello de Foz nas cales soliciten a súa participación. Serán requisitos para o desfrute da exención que, no prazo de que se trate, non rexeitasen oferta de emprego adecuado nin se negasen a participar, agás causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesionais e que, así mesmo, carezan de rendas superiores, en cómputo mensual, ao salario mínimo interprofesional.
Para o BNG esta é unha proposta xusta que ven a satisfacer a demanda de numerosas persoas que se ven con moitas dificultadas para acceder a un posto de traballo en Foz polos motivos económicos expostos e esperamos que a moción finalmente se aprobe por unanimidade no pleno.