Site icon Crónica3.com A Mariña

A organización do encontro de palilleiras de San Cibrao quere ampliar actividades

CERVO .- Os membros da organización do Encontro de Palilleiras que anualmente se ven celebrando en San Cibrao no mes de marzo xa están a traballar para confeccionar o programa da edición do vindeiro ano. Así o confirmou a concelleira delegada de Asuntos Sociais, Pilar Armada.

A edil indicou que unha representación da organización deste evento cervense se desprazou o pasado fin de semana ata o concello de Baio invitados polos responsables da Exaltación da Fía do Liño que se celebra anualmente neste concello coruñés. “O que procuramos é estar ao tanto do que se está a facer noutros eventos semellantes ao noso e poder así valorar mellor as posibilidades de innovación e de mellora que temos pensado facer na vindeira edición” sinalou Armada.

Neste sentido a concelleira de Asuntos Sociais cervense recoñeceu que o evento organizado en San Cibrao “xa tocou teito” do xeito no que está estruturado actualmente. “Por iso” -dixo Armada- “queremos poñer en marcha varias novidades de cara á vindeira edición para seguir deste xeito medrando e gañando en presencia e en importancia no calendario de eventos deste tipo”.

Desfile e feira de artesanía

Entre as novidades que pretenden levar adiante para a edición do Encontro de Palilleiras 2011 está a organización dun desfile con prendas elaboradas con encaixes de bolillos e tamén a celebración dunha feira de artesanía que abarque todo tipo de produtos elaborados con diversas técnicas (liño, cerámica, bimbio, cristal, bolillos, orfebrería, xoiería, etc…). Estas novidades levarían consigo unha ampliación na duración do evento, que se prolongaría durante unha fin de semana (sábado e domingo), “sempre e cando se materialicen os obxectivos que nos propoñemos” matizou Armada.

Para isto os organizadores do Encontro de Palilleiras de San Cibrao están a manter contactos con diversas asociacións artesáns de Galicia e tamén co Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia.

Exit mobile version