A Deputación e Concello de Lugo, xunto a tenda luguesa Dulce Locura, vén de celebrar a I Gala Muralla Moda 2010. Trátase dun evento benéfico que se enmarca en Lugo10, o programa municipal co que estamos a conmemorar o 10º aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade, e que logrou xuntar a 500 persoas no Círculo das Artes da capital lucense.
Para a organización deste espectáculo, contamos coa colaboración de Francis Montesinos, deseñador internacional que presentou as súas novas creacións inspiradas no Monumento bimilenario, e novo embaixador de honra da Muralla; así como de xóvenes talentos da Pasarela Cibeles, os lucenses Manuel Bolaño, Sara Lage e Maru Calderón; ademais dunha ducia de artesáns da provincia que levaron os seus traballos á pasarela.
Nesta Gala, presentamos un produto 100% de Lugo que se puido ver por todo o país. Os programas de maior audiencia da televisión pública e privada de España fixeron eco deste evento. O espectáculo distribuiuse a 70 televisións españolas, e retransmitiuse nas canles que Localia Galicia posue en Vigo, Pontevedra, Santiago e A Coruña. Ademais, está previsto que as principais revistas de moda e sociedade do país aborden o espectáculo.
Cando nos propuxemos organizar este evento marcámonos un claro obxectivo: promocionar ó exterior a Muralla a través do deseño e da artesanía de Lugo, partindo de que esta promoción é unha oportunidade económica para a provincia. O resultado foi que miles de persoas redescubriron os traballos dos nosos deseñadores e artesáns. Por iso, a moda e a artesanía de Lugo traspasou fronteiras coa I Gala Muralla Moda 2010.