Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación subvencionará máis de 40 actuacións de grupos de teatro da Mariña pola xeografía lucense

LUGO .- Esta tarde, o delegado da Área de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, presentou o proxecto de circuítos teatrais “Buxiganga”, un programa innovador e pioneiro posto en marcha pola Área de Cultura da Deputación para o impulso ao teatro sustentado no apoio aos grupos de teatro afeccionado lucenses, que xa o ano pasado na súa primeira edición acadou un éxito rotundo. Na presentación, celebrada no Museo do Mar de San Cibrao, Antonio Veiga estivo acompañado de Paloma Lugilde, como representante do grupo de teatro do Consello da Cultura da Deputación (órgano asesor e consultivo en materias culturais).

Antonio Veiga afirmou que a Área de Cultura da Deputación puxo en marcha o programa “co obxectivo de potenciar o teatro en todas as súas vertentes como un elemento de transmisión cultural”, e manifestou a aposta da Deputación por dinamizar o traballo dos colectivos culturais mariñaos. Deste xeito, Veiga expresou que con este programa “ofrecémoslle a todos os grupos de teatro da Mariña –que están a desenvolver un encomiábel traballo- a posibilidade de aumentar o seu número de representacións das súas montaxes teatrais”. Antonio Veiga lembrou que “chegaron a crearse dous novos grupos de teatro na Mariña, o grupo O Batán en Foz e o grupo de TeatroCrea en Viveiro, co que se está vendo cumprido o obxectivo que nos marcamos de continuar ampliando a participación a través do teatro”.

O delegado de Cultura da Deputación indicou que, este ano, con respecto ao 2009, ademais de incrementárense o número de grupos de teatro, incrementouse o orzamento xeral do proxecto até aproximadamente 75.000 euros, o que vai permitir que todos os 16 grupos de teatro afeccionado que participan no programa sumen en conxunto 90 funcións polos diferentes concellos de Lugo. Ademais, Antonio Veiga destacou que case a metade dos grupos de teatro que participan en Buxiganga son da Mariña (sete de dezaseis en total), e estes grupos realizan grazas ao apoio da Área de Cultura da Deputación un total de 40 actuacións por diferentes concellos lucenses. Os grupos de teatro da Mariña dentro do proxecto Buxiganga son: A Adala, Axóuxere se Batán de Foz, Ardora de San Cibrao, o Bordelo de Cervo, Raiolas de Alfoz e TeatroCrea de Viveiro. Ademais, os concellos tamén se benefician deste programa ao acoller diferentes concellos mariñaos un total de 25 actuacións teatrais subvencionadas pola Área de Cultura da Deputación.

Por outra parte, Antonio Veiga tamén anunciou que a Casa da Cultura de Burela, dentro do programa de formación introducido este ano como novidade en Buxiganga, acollerá un curso de técnicas interpretativas que se desenvolverá o 3, 10, 17, 24, 31 de xullo; e o 4, 11, 18, 25 de setembro.

Para Paloma Lugilde, “Buxiganga é un proxecto teatral necesario e do que careciamos en Lugo, polo que non se pode máis que felicitar á Deputación de Lugo por levar a cabo Buxiganga, facendo este esforzo por dinamizar e potenciar o teatro afeccionado lucense, conseguindo uns magníficos resultados nas comarcas Mariñás, ollando como se creaban dous grupos novos”.

Exit mobile version