LUGO .- O Pleno da Deputación aprobou este martes, coa abstención do Partido Popular, o Plan de Obra Pública, dotado con 60 millóns de euros, así como a modificación do orzamento de 2010 necesaria para a súa execución. Trátase dunha iniciativa histórica e sen antecedentes nesta administración, xa que a Deputación está en plena disposición dos cartos e non tivo que recorrer a créditos nin a financiamento externo. Deste xeito, aprobados os pasos contables, o organismo provincial agarda iniciar canto antes as obras. No Pleno do vindeiro mes, aprobaranse os investimentos do canon deste ano de Chantada e a cuantía do resto de municipios que teñen produción hidroeléctrica, e en mes e medio comezarán a licitarse as outras actuacións contempladas no Plan.
Gómez Besteiro subliñou que “este plan vai permitir trasladar á sociedade que a Deputación é unha administración útil. É un momento moi importante para a provincia e vai a ser acollido con moi bos ollos, xa que non é unha promesa a catro anos, senón que son obras que se van licitar neste ano. Ademais, non se aumenta nin un só euro a débeda”.
Neste senso, o titular provincial destacou que “responde a unha vontade política anticíclica e nun momento no que todos sufrimos restricións económicas. Hai dous modelos, o destinado a facer caixa e a recortes nos servizos como fai a Xunta de Galicia, ou o que escollemos nós, que é arrimar o ombro cando fai falla. O que non vale é botarse para atrás e dicir: como estamos en clave de austeridade, non fagamos ningún investimento. O que está claro é cando comece a repuntar a economía –e xa hai indicios delo segundo algúns informes económicos- a xente preguntará onde estaban algúns cando as cousas ían mal. Ó final isto é pasarlle a factura ós veciños”.
O Plan extraordinario está dotado con 21.923.665 euros, dos que 12.273.665 invístense en viais municipais e provinciais en 19 Concellos. Asimesmo, dentro desta partida, tamén se inclúen 9.650.0000 para convenios destinados a executar obras e mantemento de servizos municipais. A esta cantidade hai que engadir 37 millóns de euros que xa están contemplados no Orzamento de 2010, e que se destinarán a Concellos de todas as cores políticas, ademais doutras actuacións singulares e dos investimentos en materia de cultura e deportes que ascenden a preto de 5 millóns de euros.
O máximo mandatario provincial reiterou que as obras serán contratadas este ano e cumprindo todos os procesos legais para poder executalas. “Non como facía o anterior equipo de goberno que se licitaban sen estar en disposición dos terreos. Isto sí que é difícil de entender. Pola contra, dende que chegamos ó goberno nós xa levamos investido en expropiacións máis de 5 millóns de euros”.
Non ó novo encoro no Navia
O Pleno aprobou por unanimidade a proposta do equipo de goberno na que a Deputación rexeita a construción dun novo encoro no río Navia por considerar que a cunca está suficientemente explotada. O novo Deputado de Medio Ambiente, José Fernández, quen actuou en representación do equipo de goberno neste caso, salientou que a insitución luguesa pide que non só se paralice o proxecto, senón que se garanta por parte das administracións competentes que non haxa outros proxectos semellantes no futuro co obxectivo de procurar o desenvovemento sostible.
A sociedade “Salto de Navia”, filial de Endesa”, está a tramitar o proxecto de construción á altura da localidade de Fornaza , na Fonsagrada. Alcanzaría preto de 300 metros de cota e a cola extenderíase ata o municipio naviego. Segundo o proxecto, a cunca recollerase en 1, 65 quilométros cúbicos de superficie e afectará a uns 15 quilómetros. A Deputación, a través do INLUDES, ante a petición de impacto ambiental da Confederación Hidrográfica do Cantábrico informou negativamente, xa que de levarse a cabo afectaría ó ecosistema e mermaría o potencial turístico nos tres municipios. Asimesmo, o acordo será enviado a todas as administracións afectadas: Ministerio e Consellería de Medio Ambiente, e ós Concellos lugueses de Fonsagrada e Navia, así como ó asturiano de San Antolín de Ibias.
Centro de especialidades Praza do Ferrol
A Deputación tamén acordou, cos votos en contra do Partido Popular e coa abstención de Manuel Varela, instar á Consellería de Sanidade a que manteñan o funcionamento do actual Centro de Especialidades da Praza do Ferrol co obxectivo de evitar a saturación do novo hospital e garantir a prestación da atención sanitaria en condicións óptimas que favorezan ós pacientes e ó seu contorno. Gómez Besteiro subliñou que “a Deputación vaille pedir á Xunta o mesmo que ó Estado. É dicir, que os médicos do INSS se incorporen ó Centro”.
O Centro de Especialidades é referencia para 42 Concellos: Lugo, Abadín, Cospeito, Muras, Vilalba, Xermade, Meira, A Pastoriza, Pol, A Pontenova, Riotorto, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, O Corgo, Castroverde, Baleira, Baralla, Guitiriz, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Guntín, Portomarín, Taboada, Sarria, Paradela, O Páramo, Láncara, Triacastela, Samos, O Incio, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Castro de Rei, Rábade, Begonte, Outeiro de Rei, Friol e Negueira de Muniz. En total, presta atención a un total de 224.535 habitantes. No Centro aténdese a unha media de 800 usuarios diarios, dos que o 50% son do Concello de Lugo e o resto dos municipios da Área.