Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada da Xunta anuncia que as obras nas estradas LU-152 e LU-162 de Foz e O Valadouro rematarán no 2011

FOZ / O VALADOURO.- A delegada territorial da Xunta de Galicia, Raquel Arias, anunciou que as obras de mellora das estradas LU-162 e LU-152, que afectan aos concellos de Foz e o Valadouro, estarán rematadas no primeiro terzo do 2011. O  obxectivo destas actuacións é “incrementar a seguridade dos usuarios das dúas vías de comunicación, á vez que se crea emprego e se mobiliza a actividade económica ligada á construción pública”.

Nota de Prensa

RAQUEL ARIAS ANUNCIA QUE AS OBRAS DE MELLORA NAS ESTRADAS DA MARIÑA LU-152 E LU-162 ESTARÁN LISTAS NO PRIMEIRO TERZO DO 2011

* A delegada territorial, que visitou hoxe o tramo no que se executarán as obras na localidade focense, asegurou que a actuación servirá para rehabilitar o firme e dotar de beirarrúas varios tramos
* A representante do Executivo galego sinalou que estes traballos comezarán durante  o verán e suporán un investimento conxunto que ronda os 3,2 millóns de euros
* O obxectivo destas actuacións é “incrementar a seguridade dos usuarios das dúas vías de comunicación, á vez que se crea emprego e se mobiliza a actividade económica ligada á construción pública”, segundo destacou Arias

Foz, 9 de abril de 2010.- A delegada territorial da Xunta de Galicia, Raquel Arias, anunciou hoxe que as obras de mellora das estradas LU-162 e LU-152, que afectan aos concellos de Foz e o Valadouro, estarán rematadas no primeiro terzo do 2011.

A delegada visitou as estradas, sobre as que se prevén actuacións que suman un investimento de 3,2 millóns de euros.

Na LU-162 realizaranse traballos ao longo de toda a vía, que suporán un investimento de 2.118.192 euros. O prazo máximo de execución é de seis meses e comezarán no verán, xa que o tratamento do aglomerado obriga a agardar ao tempo seco.

A delegada valorou a importante mellora dos servizos que implican estas obras, así como as que se acometerán en diversos tramos da antiga estrada LU-152, ás que se destinan 1.023.123 euros.

Arias afirma que ambos investimentos pretenden “incrementar a seguridade dos usuarios das dúas vías de comunicación, á vez que se crea emprego e se mobiliza a actividade económica ligada á construción pública”.

A estrada que comunica Ferreira do Valadouro e Cangas de Foz ten unha lonxitude de 12,4 quilómetros, nos que se mellorará o firme así como as interseccións, para incrementar a súa funcionalidade e a seguridade viaria. Ao mesmo tempo, axustaranse as barreiras metálicas á normativa vixente.

Adecuación das travesías da LU-152

Polo que respecta aos traballos na estrada LU-152, centraranse especialmente nas travesías, ademais de reforzar o firme nalgúns tramos do antigo trazado que agora serven de acceso a vivendas ou fan función de carrís de servizo.

No concello do Valadouro actuarase sobre os primeiros 300 metros da estrada -a  travesía que chega ata o campo de fútbol-, construíndo beirarrúas en ambas marxes, a rede de drenaxe para augas pluviais, un sistema de pozos sumidoiros e a rede de iluminación pública.

O concello de Foz verá  melloradas as travesías de San Acisclo, Santa Cecilia e San Martiño. Na primeira mellorarase o firme, construiranse beirarrúas e completaranse os traballos coa reposición da rede de abastecemento e a instalación da rede de drenaxe de augas pluviais e a rede de iluminación.

Na zona da ponte vella de San Acisclo, co obxecto de preservar o seu valor histórico e patrimonial, optouse por realizar unha actuación particular, consistente na pavimentación da zona destinada a tráfico rodado con empedrado de formigón envellecido e a destinada a peóns cun lousado de pedra granítica do país.

En Santa Cecilia proxéctase a execución de beirarrúas en ambas marxes ao longo de 300 metros e a construción de dotacións similares as anteriormente descritas no abastecemento, recollida de pluviais e alumbrado.

Por último, en San Martiño levaranse a cabo traballos coas mesmas características, contemplando neste caso a construción de beirarrúas ao longo de 500 metros.

Paralelamente, como se dixo, reordenaranse os accesos á estrada dende vías ou vivendas próximas en distintos puntos quilométricos da estrada. O conxunto das obras na LU-152 teñen un prazo de execución de oito meses.

Raquel Arias visitou a zona, deténdose na travesía de San Acisclo, acompañada polos alcaldes de Foz, José María García Rivera, e O Valadouro, Eulogio Fernández Sampayo.

Exit mobile version