LUGO .- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, anunciou investimentos que a Xunta realizará no concello de Viveiro, a través do financiamento de sete proxectos que pretenden “racionalizar o crecemento dos asentamentos e das actividades comerciais, así como mellorar a calidade de vida dos veciños”.
Nota de Prensa
RAQUEL ARIAS DESTACA QUE AS SETE ACTUACIÓNS APROBADAS POLO CONSELLO DA XUNTA EN VIVEIRO “RACIONALIZAN O CRECEMENTO DA LOCALIDADE”
* A delegada territorial subliña que o investimento, de 1,2 millóns de euros, ten por obxecto incrementar e mellorar as dotacións das parroquias
Lugo, 8 de abril de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, subliñou hoxe o importante investimento que a Xunta realizará no concello de Viveiro, a través do financiamento de sete proxectos que pretenden “racionalizar o crecemento dos asentamentos e das actividades comerciais, así como mellorar a calidade de vida dos veciños”.
A delegada considera especialmente relevante que estas actuacións incidan na mellora de infraestruturas e servizos nas parroquias, en concreto nas de Celeiro, Galdo, Covas –no núcleo de Pallaregas- e Celeiriño. Non obstante, tamén se contemplan obras no centro urbano de Viveiro, por importe total de 550.000 euros.
O Consello da Xunta aprobou esta mañá o convenio polo que a administración autonómica se compromete a destinar 1.250.000 euros a financiar estas obras, que executará a Deputación en base aos proxectos técnicos que achegue o concello de Viveiro.
Raquel Arias valora a decisión adoptada hoxe como “unha nova proba do apoio constante que está a recibir a localidade por parte desta Xunta de Galicia”. Neste sentido, lembrou a dilixencia coa que o goberno autonómico acometeu os traballos de reparación das infraestruturas que resultaron danadas polas choivas deste último inverno no concello de Viveiro.
En concreto, a delegada destacou a reparación da ponte de Valcarría, na que se prevé un investimento final superior aos 72.000 euros, e os traballos realizados nun tramo da estrada LU-862 –prácticamente rematados- tras dos desprendementos ocorridos no mes de febreiro.