LUGO .- A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria mostra o seu compromiso coa transparencia nas contas e cumpre coas indicacións formuladas dende a UE para a verificación das axudas do Fondo Social Europeo aos centros de Secundaria. O departamento autonómico incorporou este ano un proceso de revisión exhaustivo do procedemento polo que se conceden as axudas ao cofinanciamento de ensinanzas con recursos do Fondo Social Europeo.
Desta forma, as axudas aos centros educativos corresponderanse cos datos de matriculación real do presente curso académico –e non cos do ano anterior, tal e como sucedía ata este ano-, o que facilita unha xestión máis eficiente dos recursos públicos.
Seguindo as indicacións do propio Fondo Social Europeo, que consideraba inadecuada a xestión anterior, na que os pagamentos se realizaban sobre as cifras doutros anos; a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, comprobou centro por centro o número de alumnos e alumnas matriculados en cada unha destas etapas educativas, información fundamental para a distribución dos gastos de funcionamento para o presente curso 2010.
Unha vez finalizado este proceso de acordo coas esixencias formuladas pola Unión Europea, os centros recibirán os importes correspondentes aos pagos do actual exercicio 2010.