Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG-Ensino rexeita a decisión de Educación de suprimir o comedor escolar do colexio público de Ourol

OUROL .- A sindicato CIG-Ensino rexeita a decisión de suprimir o comedor escolar do colexio público de Ourol ” que daba servizo aos alumnos/as alí matriculados e que estaba atendido por unha cociñeira”.

Nota de Prensa

A CIG-Ensino rexeita a decisión da Consellaría de Educación de suprimir o comedor escolar do colexio público de Ourol

“A política do PP desde que está na Xunta é de continuo ataque aos servizos públicos e de discriminación do rural”

Ribadeo, 13 de abril de 2010.- Na Relación de Postos de Traballo da Consellaría de Educación, que se presentou o pasado  9 de abril, a Xunta elimina 71 postos de oficial e axudante de cociña e péchanse tamén ao redor de 20 comedores escolares. Un dos comedores dos 9 de Lugo que se pechan para o próximo curso é o comedor escolar do Colexio Público de Ourol que daba servizo aos alumnos/as alí matriculados e que estaba atendido por unha cociñeira. A CIG xa manifestou na reunión a súa oposición a este peche.

Para a CIG esta é unha medida máis dentro da política de eliminación e privatización dos servizos públicos que está a levar o PP na Xunta. Neste caso, aféctalle  a un servizo público como o de comedor escolar que é un servizo fundamental á hora de fixar poboación no rural e de non discriminar a ninguén por vivir fóra das grandes aglomeración urbanas. Hoxe tócalle ao colexio público de Ourol pero mañá será calquera outro centro da Mariña. É mentira como quere facernos crer a Consellaría que se vaian aforrar cartos pechando comedores, porque os alumnos teñen que comer. Ou terán que desprazarse a outros colexios, co gasto que isto supón en transporte, ou privatizarase o servizo, como parece ser neste caso, mediante o uso dun “catering”, que non supón aforro de cartos, pero si peor servizo. Todo isto vai a traer repercusións moi negativas desde todo punto de vista: aumenta o perigo para os rapaces ao incrementarse os desprazamentos,  empeora a súa dieta e empeora as xa difíciles condicións de vida do noso rural e complica a vida dos pais e nais.

Para a CIG é imperdoable que a Xunta estea eliminando postos de traballo nos centros públicos da Mariña -non só de cociña senón tamén de persoal docente deixando sen especialistas aos centros de ensino en algunhas materias- e diminuíndo considerablemente a calidade do ensino mentres non ten problema en aumentar ano tras ano as subvencións aos centros privados. A contención no gasto da Xunta de Galicia xa sabemos quen a vai pagar. Non os altos cargos, que van seguir mantendo o plus de por vida que supón 15.015,96€ anuais , nin os Xefes Territoriais, aos que se lles aumentou o salario en máis de 200 euros ao mes, nin as múltiples empresas que están a recibir asistencias técnicas para xestionar os servizos públicos. Van ser as traballadoras e traballadores da Xunta de Galicia e os cidadáns que van a sufrir estes recortes.

Desde a CIG reprobamos totalmente a decisión de pechar o comedor escolar de Ourol e esiximos os seu mantemento porque supón un paso máis no consciente e constante  empeoramento ou eliminación dos servizos públicos. Ademais, porque lle afecta a unha zona rural da nosa comarca onde se fai máis necesario o mantemento deste servizo para potenciar o asentamento da poboación e para que non exista discriminación territorial cara os seus habitantes en canto acceso aos servizos públicos.

Exit mobile version