Site icon Crónica3.com A Mariña

A Biblioteca provincial convoca un certame de narración debuxo infantil con motivo do Día das Letra Galegas

LUGO .- A Biblioteca Provincial de Lugo, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, ven de convocar o Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras galegas 2010, nas súas fases local e provincial. Na fase local poden participar socios da Biblioteca Provincial, con narracións en galego cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, ou debuxos feitos sobre cartolina de tamaño aproximado Din A4, sobre o tema A cidade. Establécense tres categorías: A, ata 8 anos; B, de 9 a 11, e C, de 12 a 16.

O prazo de presentación de traballos rematará o próximo 10 de maio, debendo ser entregados na Biblioteca Provincial. O xurado seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos, recibindo os seus autores cadanseu diploma e lote de libros.

Os traballos premiados nesta fase local participarán na fase provincial do certame, tamén convocada pola biblioteca, co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. O fallo do xurado local farase público antes do Día das Letras Galegas.

Certame provincial

Na fase provincial do certame, tamén convocada pola biblioteca lucense, participarán os traballos seleccionados nas respectivas fases locais convocadas polas bibliotecas públicas municipais da provincia de Lugo, e na Biblioteca Provincial.

Cada biblioteca poderá presentar un máximo de tres traballos por cada modalidade e categoría, debendo remitir os traballos seleccionados as dependencias da institución provincial antes do próximo 28 de maio.

O xurado seleccionará por cada modalidade e categoría os tres mellores traballos, obtendo os seus autores cadansúa estatuíña de Sargadelos e un lote de libros. O fallo do xurado farase público no decurso dos primeiros días do mes de xuño.

Exit mobile version