Site icon Crónica3.com A Mariña

A asociación da Escola Municipal de Música de Burela reuniuse co alcalde e a edil de Educación

BURELA (FNC) .- Lucía Bouza, concelleira de Educación de Burela, fixo un balance do encontro que mantiveron o pasado mércores, o alcalde de Burela e ela coa recentemente creada Asociación de Usuarios da Escola Municipal de Música de Burela. Segundo a concelleira socialista “en representación desta asociación acudiron todos os membros da súa directiva coa intención de presentarse e de dar a coñecer os seus obxectivos, que fundamentalmente se concentran no de colaborar activamente co Concello de Burela para mellorar todo canto sexa posible no funcionamento deste servizo tan apreciado. Dicir tamén que tras pasar tan só uns poucos meses desde que se constituiu oficialmente este colectivo conta xa con 24 familias asociadas, un número realmente importante que se está a incrementar día tras día”.

A edil de Educación engadiu que “pola nosa banda, recibimos con moita satisfacción a creación deste colectivo que se presenta con ganas de traballar pola Escola Municipal de Música de Burela e tamén nós temos ganas de colaborar con eles para que o servizo funcione correctamente. Dóulles os parabéns polo esforzo e implicación que mostran na educación dos seus fillos e fillas, aínda que esta educación, como é o caso da musical, non sexa obrigatoria. Tamén queremos animalos a traballar neste sentido e intentaremos agradecérllelo respondendo activamente dentro das nosas posibilidades ás súas peticións e inquedanzas en xeral”.

Exit mobile version