LUGO .- 33 empresas interesáronse na contratación da conservación bianual da rede viaria provincial da Deputación, que inclúe a que resta deste ano 2010 e a correspondente á anualidade 2011-2012 por valor de máis de 20 millóns de euros e divide a provincia en 8 zonas.
Nota de Prensa
33 empresas, un 20% máis que en 2009, optan á Conservación das estradas da Deputación
– Gato Soengas subliña que o aluvión de ofertas se debe á reestruturación do servizo e ó descenso de obra pública que rexistra Galicia dende que Feijóo asumiu a presidencia da Xunta de Galicia
– A media de empresas que se presentaron por zona é de 14, sendo as máis demandadas as da Mariña, Terra Chá e a comarca da Ulloa
– A Deputación subvenciona con 700.000 euros a promoción e desenvolvemento sostible dos castiñeiros e a comercialización da castaña
– O organismo provincial destina os remanentes de Lug02 a Km0, que xa conta con 300 solicitudes para a terceira tempada; á equipación das Aulas da Natureza; e as becas para xóvenes titulados
A Deputación aprobou no mes de marzo a Conservación bianual da rede viaria provincia, que inclúe a que resta deste ano 2010 e a correspondente á anualidade 2011-2012 por valor de máis de 20 millóns de euros e divide a provincia en 8 zonas. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, anunciou que a esta contratación presentáronse un total de 33 empresas, é dicir, un 20% máis que en 2009.
Antonio Gato subliña que “sen dúbida, esta é unha boa noticia porque a media de empresas que se presentaron por zona é de 14, fronte ás 6 do ano pasado”. As que máis demanda rexistraron son as zonas 1 con 18 empresas (formada polos Concellos de Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba. En total, a empresa adxudicataria encargarase do mantemento de 530 quilómetros, o que suporá un investimento de 3,2 millóns de euros); 3 con 17 (Meira, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo, Castroverde, Baleira, O Corgo, Láncara e Baralla. Este Concellos suman 668 quilómetros, o que supón un custe para a Deputación de 4 millóns de euros); e 4 tamén con 17 empresas (Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, O Páramo, Sarria e Paradela. Neste caso, a Conservación afecta a 680 quilómetros e o investimento ascende a 3,8 millóns de euros).
O voceiro provincial socialista explicou que o aluvión de ofertas débese, en primeiro lugar, á reestruturación realizada. “Pasamos de 13 zonas en 2009 a 8 en 2010, o que fai que o servizo sexa máis eficaz para os Concellos e, por tanto, máis atractivo para as empresas que van a ser adxudicatarias da mesma”.
En segundo lugar, este aumento das empresas, segundo Gato Soengas, tamén se debe ó descenso en obra pública rexistrado durante o último ano. “Dende que comezou a gobernar Feijóo, o investimento en obra pública caeu nun 40%. Deste xeito, queda claro quen busca solucións a un problema e quen os crea. Mentres uns recortan servizos básicos, nós incrementamos o investimento optimizando os recursos que temos”.
Hoxe celebrouse a mesa de contratación e no prazo dun mes aprobarase a adxudicación provisional e definitiva das empresas que se encargarán da conservación das estradas da Deputación.
Modificación proxecto Lug02
A Deputación realizou unha modifación do orzamento do programa Lug02 co que a Deputación demostrou que o medio ambiente é unha oportunidade económica para a provincia. Das iniciativas rematadas quedaron os remanentes que agora se destinan a completar actuacións de extraordinaria importancia, de aí que sexa necesario esta modificación do orzamento. Estes remanentes destínanse a Km0 e á mellora da comercialización dos produtos autóctonos. A Deputación elaborou 14.000 lotes destes produtos que son repartidos ós participantes de Km0 e nas visitas institucionais do Presidente.
Coa colaboración da Deputación impulsa a súa comecialización e a mellora da súa oferta. Deste xeito, coa reformulación do presuposto adquiriranse 12.000 lotes máis, que se suman ós 14.000 existentes. Km0 contribúe a manter directa e indirectamente 3.000 postos de traballo. Neste senso, para a terceira tempada, que comeza en setembro, xa están en lista de espera unhas 300 solicitudes, o que demostra que é un dos programas máis exitosos da Deputación. Estes remanentes tamén se destinarán á equipación de Aulas da Natureza e ás becas para xóvenes titulados coas que favorecemos non só a formación, senón tamén a inserción dos nosos universitarios.
Acordos Xunta de Goberno
Fóra da Orde do Dia aprobáronse as bases que rexerán o procedemento de concurrencia competitiva para a concesión dunha subvención para a promoción e desenvolvemento sostible dos soutos de castaños e a comercialización da castaña. Esta subvención está dotada de 700.000 euros, que serán distribuídos do seguinte xeito: 300.000 en 2010, 220.000 en 2011, e 180.000 en 2012. Deste xeito, ofrécese unha liña de cooperación ás empresas da provincia que realicen actividades de recuperación, repoboación e explotación de superficies forestais adicadas a froitos silvestres, así como á súa comercialización e transformación das súas producións, de xeito que estas actividades permitan o desenvolvemento do potencial natural endóxeno e da poboación rural. A empresa que resulte adxudicataria deberá negociar cos propietarios dos soutos de toda a provincia para ceder o uso destes e recuperar este produto autóctono, que logo será comercializado.
A Xunta de Goberno tamén deu o visto e prace ó Plan de Obras do canon do Concello de Paradela por valor de 175.501 euros, que se destinan ó acondicionamento e mellora de accesos nas parroquias de Delle, Valmigallo e Cubela; rexeneración do camiño de cruce Lagüela-Mazo, ó limite con Sarria; e acceso de Cortiñas de Barán a Monte de Lagüela. Estas obras, que se levarán a cabo neste municipio, inclúense dentro das anualidades 2008-2009. Asimesmo, aprobouse a prórroga ata o 31 de abril para o remate das obras adicionais que realizará a Deputación na CP 5302 de San Clodio a Casares, en Ribas de Sil. O presuposto desta actuación é de 119.932 euros.