Precisamente o caos e a falta de xestión que caracterizou ao anterior Executivo autonómico e máis en concreto, no tocante aos medios materiais, como no referente ao cadro de persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia, deu como resultado innumerables deficiencias e fallos nos operativos de rescate que obrigaron non só a censurar a pasividade e falta de rigor dos responsables da extinta Consellería de Pesca, senón tamén a efectuar un compromiso, desde o Partido Popular de Galicia, para situar como prioridade da súa alternativa de goberno o fortalecemento do servizo de emerxencia e salvamento marítimo que operan nas nosas costas.
Son múltiples as iniciativas de impulso promovidas desde o Grupo Popular e, por este deputado, reclamando un aumento da operatividade dos helicópteros de Gardacostas, debatidas nos concellos, no propio Parlamento de Galicia. Pero, ata que tivo lugar o cambio de Goberno, sempre chocaron coa oposición de socialistas e nacionalistas, que obstaculizaron esta posibilidade, incapaces de comprender que un medio de emerxencia, para que sexa útil ten que estar sempre dispoñible. Cada minuto que se perda, pode resultar dramático.
Hoxe o compromiso xa é unha realidade. A nosa reivindicación está cumprida, e as nosas demandas, que eran eco do propio sector, son accións do novo Goberno do Partido Popular. Os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, este último con base no porto lucense de Celeiro, xa dispoñen dunha dobre tripulación, polo tanto, contan co persoal necesario para atender unha chamada de auxilio ás 24 horas do día, os 365 días do ano, reducíndose ademais o tempo de resposta ante calquera emerxencia tan só a 10 minutos.
Desde as 00:00 horas do primeiro día de abril as tripulacións do helicóptero Pesca 2 de Celeiro realizan quendas ininterrompidas de maneira que sempre hai profesionais no hangar dispostos a saír inmediatamente ante calquera posible emerxencia. Desafortudamente esto non significa que as mortes e os sinistros marítimos vaian a desaparecer, como sería desexable, pero si que agora existirá un sistema de resposta inmediata moito máis eficaz. Salvar unha vida non ten prezo, algo que tivemos moi claro sempre, desde o Partido Popular.
José Manuel Balseiro Orol
Voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular