Site icon Crónica3.com A Mariña

Vitoria do Celtas Primera Calidad ante o terceiro clasificado e derrota do Xove no derbi provincial

O Celtas-Primera Calidad 93 C. B Noia 87. (fotos: Miguel Fraga)

FOZ / XOVE (MFO) .- O Celtas de Foz por fin puido celebrar, e ante a súa afección, a ansiada segunda vitoria da tempada tras gañarlle ao C. B Noia, terceiro da táboa,  por 93 puntos a 87. Pola súa banda o Xove non puido manter a racha de vitorias e caeu no derbi provincial ante o C. B. Sarria, por un contundente 64 a 87.
O Celtas-Primera Calidad logrou por fin a segunda vitoria ante o Noia, que visitaba Marzán como terceiro clasificado. O gran acerto anotador foi a clave da vitoria, pois os 93 puntos anotados son a mellor marca da tempada para os de Foz.
O partido comezou cunha tremenda igualdade pero un pequeno baixón dos locais no final do segundo cuarto deulle unha renda de sete puntos ao Noia no descanso. Na segunda metade a diferenza foise ata os dez puntos,  pero a coraxe do Celtas levouno a remontar o resultado para que se decidira o partido nos minutos finais.
Neste momento foi cando a porcentaxe en triplas e tiros libres dos focenses foi espectacular logrando así a vitoria por 6 puntos de diferenza. Cabe destacar a impresionante actuación do numeroso público de Foz que non deixou de animar aos seus en ningún momento.
Polo Celtas-Primera Calidad xogaron: Miguel (9), Manuel (3), Sama (26), Angel (5), Manolo (13) – Lucas (18), Humberto (19), e Adrián.

Xove 64 – Sarria 87
O C. B. Xove non puido manter a racha de tres vitorias consecutivas, debido en parte as numerosas baixas, e caeu na casa ante o C. B. Sarria. O partido non foi nada cómodo para o Xove que non logrou facer a boa defensa que viña practicando en partidos anteriores. A diferenza no descanso xa era de 15 puntos e as expulsións de Alcalde, Juan María e Fernando impediron a posible remontada. O marcador final (64 – 87) reflexa a clara vitoria dos de Sarria.
Polo C. B. Xove xogaron: Aitor (13), Andrés (13), Juan María (11), Fernando (4), Alcalde (4) – Álvaro (2), Ángel (12), José David (5), Javi e Borja.

Exit mobile version