CERVO .-San Cibrao acolle o sábado ao redor de 700 palilleiras no Encontro que terá lugar no pavillón municipal da Veiga.esta actividade está organizada polo Concello de Cervo en colaboración coa asociación cultural “A Sombriza” e as profesoras de encaixe de bolillos María Luz Méndez e Modesta Lombardero.
Nota de Prensa
AO REDOR DE 700 PALILLEIRAS DE TODA ESPAÑA PARTICIPARÁN NO VII ENCONTRO QUE SE CELEBRARÁ ESTE SÁBADO EN SAN CIPRIÁN
* A concellaría de Muller e Asuntos Sociais, organizadora desta actividade convida a todos os veciños da Mariña a achegarse ata o pavillón da Veiga para observar como traballan as mestras da arte de bolillos
Cervo, 23 de marzo de 2010.- A vila de San Ciprián ten previsto acoller ao redor de 700 palilleiras no Encontro que terá lugar este sábado no pavillón municipal da Veiga. Así o explicou a concelleira de Muller e Servizos Sociais, Pilar Armada, quen confirmou que se mantiveron os niveis de inscricións respecto de anos pasados, “algo digno de salientar se temos en conta que estamos a pasar por unha crise que tamén afecta a este tipo de eventos” sinalou a edil cervense. “Virán de moi distintos lugares, fundamentalmente serán palilleiras procedentes de Galicia, pero tamén temos confirmada a visita de xente que chegará de Asturias ou Cantabria e das provincias de Barcelona, Palencia e León” afirmou Armada.
O VII Encontro de Palilleiras está organizado polo Concello de Cervo en colaboración coa asociación cultural “A Sombriza” e as profesoras de encaixe de bolillos Mª Luz Méndez e Modesta Lombardero, ambas veciñas de San Ciprián. Xuntos confeccionaron un amplo programa de actividades que se prolongará durante dous días, o venres 26 e o sábado 27 de abril.
EXPOSICIÓN ENCAIXES
A primeira cita terá lugar o venres 26, ás 18 horas, coa inauguración da exposición ENCAIXES na Casa da Cultura de San Ciprián. Nela amosaranse multitude de prendas de vestir con encaixes así como varios traballos elaborados mediante a técnica de bolillos polas mestras ou alumnas dos distintos cursos de palillar que se desenvolveron durante o presente ano. Nos pasados anos esta mostra do traballos da palilleiras aglutinou a unha gran cantidade de visitantes. Esta exposición permanecerá aberta ao público ata o 4 de abril
VII ENCONTRO DE PALILLEIRAS
Ao día seguinte, sábado 27 de marzo, celebrarase o acto principal do VII Encontro de Palilleiras do Concello de Cervo: a XUNTANZA POPULAR, que dará comezo as 10 da mañá. Ao longo de toda a xornada veciños e visitantes poderán achegarse ata o pavillón municipal de A Veiga (contiguo ao Instituto Marqués de Sargadelos) para observar como traballan as palilleiras. O Concello de Cervo dispuxo de máis de 800 cadeiras e taboleiros neste espazo e durante o transcurso do encontro celebraranse diversos sorteos e entrega de agasallos cedidos pola Cerámica de sargadelos, Cerámica Guidín, Eladio Bello, Cesáreo Eijo, Distribuciones Carreiras e Alcoas. Os integrantes do grupo folclórico Airiños do Xunco serán os encargados de amenizar o encontro.
VENDA DE PRODUTOS E BOLILLOS
A maiores de todo isto, nun espazo anexo ao pavillón haberá unha carpa habilitada para a venda dos produtos confeccionados por palilleiras e outras manualidades confeccionadas de xeito artesanal. Coma novidade. Na presente edición haberá un estand con manualidades da vila coruñesa de Camariñas.
Pilar Armada apuntou tamén outra serie de detalles como son o feito de que cada unha das asociacións de palilleiras participantes no encontro dispón dunha lista cos locais de hostalería colaboradores no evento para que poidan deste xeito escoller aquel que máis lles interese á hora do xantar. “É unha forma de que a nosa hostalería tamén poida beneficiarse da alta participación deste encontro ofrecendo ademais menús moi saborosos e a moi bo prezo”
AGRADECEMENTOS
Armada quixo tamén agradecer a colaboración de tódalas persoas e colectivos implicados na organización do encontro, “fundamentalmente aos integrantes da asociación cultural A Sombriza, á Fundación Artesanía de Galicia, a Decoraciones Ajuar, ao Concello de Xove, á asociación Airiños do Xunco e aos voluntarios de Protección Civil de Cervo, Traballadores municipais e ás profesoras palilleiras, xa que sen a axuda de todos eles sería imposible levar adiante este encontro que tanto interese desperta”.